O conselleiro de Sanidade e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas visitaron esta mañá as obras de ampliación do complexo hospitalario santiagués

A Xunta avanza que o Hospital Clínico de Santiago sumará este ano un novo edificio de 5.300 m² para albergar a unidade de mama, o hospital de día e a unidade de reprodución asistida

Os cinco andares do novo edificio albergarán, tamén, as consultas externas e gabinetes de otorrinolaringoloxía, unha área de logopedia e unha nova unidade da dor

As obras de ampliación están practicamente finalizadas e está previsto que a nova infraestrutura entre en funcionamento antes de que finalice 2026 

Tras un investimento de 22 millóns de euros, o novo inmoble permitirá concentrar nun mesmo espazo todos os recursos de diferentes servizos asistenciais

O Servizo Galego de Saúde está a licitar os expedientes de dotación de mobiliario e equipamento electromédico que precisan as novas instalacións 

De xeito paralelo á posta en marcha do Edificio C, a Xunta avanza no impulso do Edificio A, no que se priorizará a ampliación de urxencias, co obxectivo de dispoñer o vindeiro ano do proxecto construtivo

A nova infraestrutura contará con 5 andares que albergarán, ademais das urxencias, novos quirófanos, endoscopias, cirurxía maior ambulatoria e laboratorios

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitaron esta mañá as obras do novo Edificio C do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago que suporá unha ampliación de 5.300 m2, e que albergarán, entre outros, as novas unidades de mama, de reprodución asistida, así como hospital de día co centro sanitario compostelá.

Acompañados polo xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León Mateos, e polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, os responsables autonómicos comprobaron o estado dunhas obras que xa se atopan na súa fase final.

De feito, o Executivo galego está a licitar xa diferentes expedientes para dotar co equipamento e o mobiliario que precisa a infraestrutura, co obxectivo de que entre en servizo antes de que finalice o presente ano, tal e como avanzou Gómez Caamaño.

No seu conxunto, a actuación suporá un investimento de 22 M€, dos que preto de 16,3 M€ se corresponden coa obra civil, e outros 5,7 M€ coa adquisición de mobiliario e o equipamento necesario.

Segundo destacou o titular de Sanidade, o novo edificio permitirá integrar nun mesmo espazo os recursos de diferentes servizos sanitarios, o que mellorará a capacidade de diagnóstico e de asistencia deste complexo hospitalario.

Gómez Caamaño explicou que os cinco andares que compoñen o edificio albergarán, entre outras, a unidade de reprodución humana asistida, a nova unidade de mama e tamén o hospital de día. Ademais, habilitaranse as consultas externas e gabinetes de otorrinolaringoloxía, unha área de logopedia e unha nova unidade da dor e anestesia.

Pola súa banda, M. Allegue precisou que esta ampliación dará lugar a un inmoble que funciona como independente, pero que estará conectado mediante dúas pasarelas co edificio actual de consultas.

“Estamos ante un edificio accesible, moderno e funcional, cunha arquitectura que logra a súa integración no complexo”, subliñou a titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, ao tempo que puxo en valor que se trata “dunha construción de calidade e enerxeticamente eficiente, cun patio interior e unhas fachadas acristaladas que favorecen a entrada de luz natural”.

Neste sentido, salientou que “a execución da fachada do inmoble se realizou a través de técnicas industrializadas, un sistema polo que está a apostar a Xunta na construción de vivenda pública, ao ser un mecanismo áxil e sostible”.

Próximas fases de ampliación do hospital

De xeito paralelo á posta en marcha do Edificio C, a Xunta continúa a traballar na seguinte ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Así, Gómez Caamaño destacou que xa se está a avanzar xa nos trámites necesarios para impulsar o Edificio A, co obxectivo de contar o vindeiro ano co proxecto construtivo do novo edificio, no que se priorizará a ampliación de urxencias.  Esta nova infraestrutura, disporá de 5 andares nos que, ademais da ampliación de urxencias, se prevén novos quirófanos, endoscopias, cirurxía maior ambulatoria e laboratorios.

Do mesmo xeito, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, lembrou que a Xunta tamén avanza no Proxecto de Interese Autonómico para reordenar esta contorna do Hospital Clínico, aumentar as zonas de aparcamento e mellorar os accesos. Así, construirase un aparcamento de 1.500 prazas, para o que xa se está redactando o proxecto.

Sobre este particular, M. Allegue indicou que se prevén licitar as obras unha vez aprobado definitivamente o PIA e poder logo inicialas. Na actualidade, a Xunta está á espera da conformidade do Concello con relación á documentación remitida.

Ambos os conselleiros subliñaron o compromiso do Goberno Galego co sistema sanitario público, remarcando que o Executivo seguirá a realizar un importante investimento para adaptar a sanidade galega ás necesidades e aos retos sanitarios que presente o futuro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/07/2026