A Xunta somete a consulta pública o borrador do novo Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2026-2030
Este procedemento ten como obxectivo recibir suxestións da cidadanía ata o 1 de agosto
Unha vez recibidas todas as achegas, informarase do Plan no Consello da Xunta, solicitando os informes necesarios, e avanzarase na súa tramitación ata a aprobación definitiva
O obxectivo do novo plan é consolidar un sistema viario seguro e adaptado aos cambios nos patróns de mobilidade, incorporando a innovación tecnolóxica
O documento recolle 5 eixes estratéxicos e 52 accións para reducir o número de falecidos e feridos graves en accidentes de tráfico na rede viaria autonómica
Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2026
A Xunta somete a consulta pública o borrador do novo Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2026-2030.
Este procedemento ten como obxectivo recibir as achegas que se consideren ata o vindeiro 1 de agosto. No seguinte enlace á web pode ampliarse a información: https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/seguridade-viaria/plan.
A Xunta considera clave contar no proceso de elaboración do Plan coa participación da sociedade. Por iso, antes de dar por rematado o documento, ponse a disposición o borrador e ábrese o citado prazo para a aportación de achegas.
En canto á tramitación, unha vez recibidas todas as achegas, informarase do Plan no Consello da Xunta, solicitando os informes necesarios, e avanzarase na súa tramitación ata a aprobación definitiva.
Este Plan dálle continuidade ao anterior, Plan de seguridade viaria de Galicia 2022-2025, cuxa vixencia vén de rematar.
O obxectivo do Plan é reducir de forma sostida e significativa o número de falecidos e feridos graves en accidentes de tráfico na rede viaria autonómica.
Trátase de consolidar un sistema viario seguro, resiliente e adaptado aos cambios nos patróns de mobilidade de Galicia, incorporando a innovación tecnolóxica, a análise avanzada de datos e a mellora continua como ferramentas esenciais para a toma de decisións e a avaliación de resultados.
O documento recolle 5 liñas de accións: acadar vías seguras, reforzar a seguridade de usuarios vulnerables, mellorar a seguridade dos vehículos e diminuír a frecuencia e as consecuencias dos accidentes de tráfico derivados das condutas de risco, concienciar e formar ás persoas sobre comportamentos seguros nas estradas e dar respostas eficaces tras un sinistro. Sobre estes eixes desenvolveranse un total de 52 accións para lograr os obxectivos propostos.