A Xunta pon en valor o mercado ‘Sabor a novo’ que se celebra esta fin de semana en Santiago

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse hoxe ata o Pazo de San Lourenzo para apoiar os 13 obradoiros de Artesanía de Galicia que participan

Puxo de relevo que están especializados no debuxo, bixutería, talla e xoguetes de madeira, marroquinería, xoiería, cerería, complementos de moda, encaixe e cerámica

A visita serviu para lembrar a nova liña de axudas cun orzamento de 1 M€ para contratos formativos de aprendices en oficios tradicionais, con prazo de solicitude aberto deica o 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2026

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse hoxe ata o Pazo de San Lourenzo para apoiar os 13 obradoiros de Artesanía de Galicia presentes no mercado Sabor a Novo, patrocinado pola Xunta. Alí, puxo de relevo que están especializados nos oficios de debuxo, bixutería, talla de madeira, xoguetes de madeira, marroquinería, xoiería, cerería, complementos de moda, encaixe e cerámica.

En concreto, os participantes son os obradoiros Sandraguilar (Baiona), Artesanía Nia (Neda), Enxógate (Quiroga), Tres Caracoles (Lugo), Pekenajoya (Culleredo), Luciérnaga (Barbadás), Escola obradoiro de Ana Rosa (Ames) e Arual Ecology (Vilagarcía de Arousa). Mentres, de Santiago proceden El Rocío de Santiago, Ilex Talla, BJ CandleStudio, Brazolinda e Michelle Volpe Cerámica. Cómpre engadir que estes dous últimos obradoiros, xunto co amesán e o arousán farán, ademais, demostracións dos seus oficios.

Sabor a Novo estará aberta ao público hoxe e mañá, en horario de 11,00 a 21,00 horas. Co apoio a este tipo de eventos, a Xunta busca continuar co seu impulso á promoción comercial do sector artesán galego e apoiar o axuste dos profesionais de Artesanía de Galicia a novas fórmulas de comercialización e de divulgación, así como aos novos hábitos de consumo. 

Nova liña de apoios

A visita serviu para lembrar que a Xunta de Galicia puxo en marcha este ano, por primeira vez, unha liña específica dotada con 1 millón de euros destinada a incentivar contratos formativos de aprendices en oficios tradicionais, dentro da orde de Primeira Experiencia Profesional.

En concreto, subvencionaranse contratos a xornada completa durante un mínimo de 12 meses en obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia, coa previsión de beneficiar unhas 50 persoas. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro ou ata que se esgote o crédito.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2026