A Xunta promove a inserción laboral de cen mulleres desempregadas na comarca de Ferrol
A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá ás participantes nas prácticas de carretilleira do Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade de Concellos da comarca
O obxectivo deste programa, que conta cun financiamento autonómico de 220.000 euros, é que un mínimo do 35% do total das participantes atope traballo ao final da súa formación
Narón (A Coruña), 20 de xullo de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá no centro de formación Irmás Froilaz, de Narón, ás 13 mulleres que están a realizar actualmente as prácticas de carretilleiras dentro da súa formación do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Mancomunidade de Concellos da comarca de Ferrol.
En concreto, neste PIE, dirixido exclusivamente a mulleres, toman parte 100 participantes dos concellos de Narón, Valdoviño, Cedeira, Neda, Cabanas, Fene, Mugardos e Ares, todas elas en situación de desemprego e con especiais dificultades de inserción laboral. Conta cun financiamento autonómico de 220.000 euros.
Como explicou a delegada, o obxectivo deste programa é que un mínimo do 35% do total das participantes atope traballo ao final da súa formación, “unha porcentaxe de inserción laboral que se superou en pasadas edicións”, lembrou.
As alumnas participantes no PIE reciben durante o curso formación para o emprego nas especialidades de NTICS (intelixencia artificial e Big Data), construción naval, limpeza industrial, cociña, comercio e loxística así como agricultura ecolóxica; propostas que se complementan con obradoiros de habilidades sociais, alfabetización informática, conversa de inglés ou talleres de busca de emprego.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración investirá na convocatoria 2026-2027 dos PIE —que se publicará no DOG nos próximos días— un orzamento de 11 M€, co obxecto de beneficiar unhas 4.700 persoas desempregadas que recibirán información, orientación, asesoramento e formación para incrementar a súa inserción laboral.