Natalia Botana aborda co presidente de Marinas de Galicia as prioridades portuarias do sector náutico
Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2026
A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, mantivo esta mañá unha reunión institucional co presidente da asociación Marinas de Galicia, José Manuel García, quen é tamén director do porto deportivo Sadamar, en Sada. No encontro, celebrado na sede do ente público en Santiago, Botana mostrou a súa total disposición a coordinar cos xestores dos portos deportivos autonómicos os principais eixos de traballo do ente público que preside desde o pasado 17 de xuño.
A reunión co presidente da patronal de mariñas galegas enmárcase na rolda de primeiros encontros institucionais da presidenta de Portos de Galicia, que está a recibir aos principais representantes do sector marítimo portuario, tanto profesional como náutico recreativo. O obxectivo destes encontros é realizar unha escoita activa das necesidades e prioridades dos operadores portuarios para traballar da súa man para continuar desenvolvendo as infraestruturas e servizos dos peiraos autonómicos.
Durante a reunión a presidenta de Portos reiterou a súa vontade de impulsar a calidade nas instalacións e servizos para reforzar o posicionamento da comunidade como destino náutico diferenciado e aportar valor engadido á oferta turística da costa galega.