María José Gómez lembra que segue aberto o prazo de solicitude das axudas á recría de razas autóctonas de ruminantes ameazadas ata o vindeiro 3 de agosto
A conselleira do Medio Rural visitou as instalacións da SAT Panda, que conta cunha explotación en extensivo cunha trintena de animais de raza Caldelá, sendo unha das granxas máis grandes da comunidade na cría destes bovinos
Puxo en valor a segunda convocatoria das axudas de recría de razas autóctonas de ruminantes ameazadas, dotadas cun orzamento de 390.000 euros para apoiar ás persoas gandeiras que apostan pola preservación do patrimonio xenético
Detallou que poden beneficiarse destas achegas titulares de explotacións das razas bovinas Caldelá, Cachena, Frieiresa, Vianesa e Limiá; e das de Ovella Galega e Cabra Galega
Moeche (A Coruña), 21 de xullo de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, lembrou que segue aberto o prazo de solicitude das axudas á recría de razas autóctonas de ruminantes ameazadas ata o vindeiro 3 de agosto. Fíxoo na súa visita á explotación da Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Panda, que conta cunha trintena de animais de raza Caldelá e é unha das granxas máis grandes de Galicia para a súa cría.
Alí, a titular de Medio Rural, que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; puxo en valor esta segunda convocatoria das axudas, dotadas cun orzamento de 390.000 euros. Destacou que o súa finalidade é apoiar aos gandeiros e gandeiras que aposta pola preservación do patrimonio xenético, así como pola sustentabilidade do rural. Deste xeito, subvenciónanse a cría de exemplares na propia explotación desde o desleite, o que contribúe a mellorar a adaptación dos animais ao medio.
Gómez tamén detallou que poden beneficiarse destas achegas as persoas titulares das explotacións das razas autóctonas de ruminantes ameazadas que son as bovinas Caldelá, Frieiresa, Vianesa, Limiá e Cachena; e as de Ovella Galega e Cabra Galega. En concreto, concederanse achegas de ata 350 euros por animal bovino e ata 60 por pequenos ruminantes, cun máximo de 15.000 euros por titular de explotación. Neste sentido, a conselleira reafirmou o compromiso do Goberno galego co fomento das razas autóctonas, que se reflicte en liñas de axuda coma esta.
SAT Panda
A visita transcorreu nun dos pastos que a SAT Panda, con sede nas Somozas, ten situados no concello de Moeche, onde desenvolven a súa actividade de gandaría en extensivo. Deste xeito, a conselleira puxo en valor este tipo de produción, que conta con numerosas vantaxes e favorece unha adecuada xestión do territorio, contribuíndo á prevención de incendios forestais. Ademais, resaltou que nesta SAT tamén se aposta pola produción en ecolóxico, o que xera valor engadido para os seus produtos cárnicos de raza Caldelá.