Román Rodríguez anima ao alumnado de Galemundo a “aproveitar ao máximo” a estadía este verán no estranxeiro para mellorar o seu nivel en idiomas

O conselleiro de Educación saúda no aeroporto Rosalía de Castro a un grupo dos 647 alumnos de Bacharelato que participan neste programa, a través do cal viaxan fóra de Galicia máis de 1.600 estudantes e docentes para ampliar a súa formación 

A Xunta inviste case 18 millóns de euros nas diferentes accións desta iniciativa

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2026

O programa Galemundo, impulsado pola Xunta para promover a aprendizaxe de linguas estranxeiras e a internacionalización do sistema educativo, permite este verán que máis de 1.600 alumnos e docentes completen a súa formación mediante estadías lingüísticas, cursos de idiomas e programas de mobilidade internacional. No marco desta iniciativa, o conselleiro de Educación saudou no aeroporto Rosalía de Castro a un grupo de 30 alumnos de Bacharelato que viaxan ao Reino Unido, en concreto a Cambridge, para participar nunha das estadías lingüísticas. Así mesmo, animou aos participantes a “aproveitar ao máximo” esta experiencia, lembrando que “a aprendizaxe dun idioma vai moito máis alá das aulas, xa que supón comunicarse, convivir e descubrir outras realidades”.

Durante o encontro, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, compartiu uns intres cos estudantes e as súas familias antes da saída do voo. O titular de Educación destacou que estas estadías constitúen “unha oportunidade única para aprender un idioma desde a inmersión lingüística, convivindo con outras culturas e adquirindo experiencias que contribúen ao desenvolvemento persoal e académico”. 

Os estudantes que parten hoxe forman parte dos 647 alumnos de Bacharelato que este verán realizarán cursos intensivos de idiomas de tres semanas de duración, en réxime residencial ou familiar, en Canadá (228 estudantes), Reino Unido (345), Francia (60), Alemaña (10) e Portugal (4). A Xunta financia boa parte dos gastos de docencia, aloxamento e manutención, material escolar, desprazamentos, actividades culturais, deportivas e complementarias, seguros de accidentes e o acompañamento dos monitores responsables de cada grupo.

Un programa para internacionalizar o ensino galego

Galemundo constitúe unha das apostas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para impulsar a dimensión internacional do ensino, unha iniciativa na que se invisten case 18 millóns de euros a través de distintas accións. O programa reúne diferentes liñas de mobilidade destinadas ao alumnado e ao profesorado co obxectivo de reforzar as competencias lingüísticas, favorecer a inmersión cultural e facilitar experiencias formativas que contribúan á preparación académica e profesional dos participantes.

Máis de 1.600 beneficiados

Neste verán participan no programa máis de 1.600 persoas, pertencentes ás diferentes etapas educativas. No ámbito universitario, a Consellería concedeu axudas de ata 1.500 euros a 168 estudantes das tres universidades públicas galegas para realizar cursos de idiomas no estranxeiro, reforzando así a súa formación e a súa proxección internacional.

Pola súa banda, 308 docentes participan en cursos de perfeccionamento de inglés, francés e portugués no Reino Unido, Francia e Portugal. A Xunta cobre os gastos de docencia, aloxamento, manutención, desprazamentos e actividades culturais. A iniciativa está dirixida ao profesorado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria, Formación Profesional e Ensinanzas de Réxime Especial, así como aos docentes que imparten materias ou módulos non lingüísticos en linguas estranxeiras.

Ademais, 505 alumnos de Formación Profesional realizan este verán mobilidades internacionais para desenvolver prácticas e estadías formativas en empresas e centros doutros países. Estas experiencias permítenlles aplicar os coñecementos adquiridos na aula, perfeccionar as súas competencias lingüísticas e profesionais e mellorar a súa empregabilidade nun mercado laboral cada vez máis internacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/07/2026