A Xunta implanta nas 54 oficinas de emprego galegas unha rede de caixeiros autoservizo para facilitar os trámites de demanda e avanzar na eficacia do SPEG
Tras ver como funcionan os dispositivos na oficina carballiñesa, González aposta por este xeito de atención máis autónoma para avanzar cara a un servizo centrado no asesoramento personalizado e na adaptación ás necesidades reais do mercado laboral
Enmarca os caixeiros na modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia e dos centros de formación dependentes (8 M€ en 2026) e nun contexto no que as renovacións telemáticas pasaron do 33% en 2019 a superar o 90% na actualidade
Destaca que se atopan en proceso de licitación por preto de 2 M€ as obras que permitirán trasladar a oficina de emprego do Carballiño ao Centro Comarcal onde xa funciona o Polo de emprendemento da localidade
O Carballiño (Ourense), 22 de xullo de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, anunciou hoxe que as 54 oficinas de emprego galegas contan xa con caixeiros autoservizo para facilitar os trámites de renovación ou recuperación da demanda de emprego. Na súa visita á oficina do Carballiño, destacou que o obxectivo é contribuír a unha atención máis autónoma, áxil e eficiente e avanzar cara a un servizo máis eficaz, centrado no asesoramento personalizado e na adaptación ás necesidades reais do mercado laboral.
O conselleiro enmarcou a implantación dos caixeiros autoservizo no proceso de modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) e dos centros de formación dependentes, que conta este 2026 cun orzamento de 8 M€. Aludindo á fase piloto desenvolvida en tres oficinas desde decembro de 2024 (Pontevedra-Pontevedra Bisbarra, A Coruña Centro e Santiago Norte) na que que rexistraron máis de 2.000 xestións, salientou que se busca dar resposta ás necesidades dunha cidadanía cada vez máis dixitalizada, nun contexto no que as renovacións telemáticas das demandas de emprego pasaron do 33 % en 2019 a superar o 90 % na actualidade.
Nesa liña, o titular de Emprego aproveitou para resaltar outras ferramentas innovadoras xa implantadas no SPEG, como EMi, baseada en intelixencia artificial e recoñecida pola Comisión Europea. Esta solución, operativa tamén nas 54 oficinas de Galicia, permitiu xa o perfilado competencial de máis de 108.000 persoas, coa conseguinte potenciación da súa inserción laboral.
A isto súmase o programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, orientado a mellorar a atención dos perfís con maiores dificultades de inserción e a optimizar os recursos dispoñibles. Grazas a esta iniciativa, xa se lle ten ofrecido atención personalizada a case 58.000 persoas, das que unhas 18.400 lograron un traballo.
Por último, González puxo de relevo o proxecto da nova oficina de emprego do Carballiño, xa que se atopa en proceso de licitación por preto de 2 M€ o contrato para a execución das obras que permitirán trasladar esta oficina ao Centro Comarcal do Carballiño, onde xa funciona o Polo de emprendemento da localidade. Estes traballos, concluíu, permitirán dotar O Carballiño dun espazo referente de empregabilidade e talento comarcal que permita potenciar ao máximo as sinerxías entre o emprego por conta propia e allea, aliñado co territorio.