Alfonso Villares comproba o avance das obras de reforma do Anxo Carro, nas que a Xunta inviste preto de 3,6 millóns de euros
Lugo, 22 de xullo de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, comprobou hoxe o avance das obras de reforma do estadio Anxo Carro, en Lugo, nas que o Goberno galego inviste preto de 3,6 millóns de euros. Na visita acompañárono o arquitecto do proxecto e responsables da empresa que está a executar os traballos, ademais de representantes do CD Lugo.
As obras avanzan nas distintas zonas do complexo deportivo. Así, a renovación dos aseos, do espazo do bar e das zonas comúns nas bancadas norte e oeste atópase xa na súa fase final.
Continúa ademais a construción da nova bancada da zona sur, que se fará fixa e definitiva cun aforo para uns 1.300 afeccionados. Neste caso, instaláronse xa os módulos prefabricados e estase traballando agora no armazón metálico da cuberta. Unha vez rematada a grada sur actuarase tamén na bancada principal, coa substitución da cuberta, o reforzo da estrutura e a renovación da zona do palco.
Están moi avanzados tamén os traballos de instalación do novo revestimento metálico exterior en cor vermella que envolverá todo o perímetro do estadio e contribuirá a renovar por completo a súa imaxe, dotándoo dunha estética máis moderna e homoxénea.
A reforma que se está a executar permitirá dotar ao Anxo Carro dunhas instalacións máis modernas e funcionais, mellorando tanto os espazos destinados ao público como as dependencias de uso deportivo. As actuacións suporán tamén unha mellora na accesibilidade, coa adecuación dos accesos e a ampliación dos pasillos.
Alfonso Villares destacou o “firme compromiso” da Xunta coa mellora das infraestruturas deportivas da súa titularidade, para garantir instalacións adaptadas ás necesidades de clubs, deportistas e afeccionados. Nesta liña, sinalou que o investimento de preto de 3,6 millóns de euros que a Xunta destina á reforma do Anxo Carro suporá “un salto cualitativo para o club e para a cidade”, ao permitir dispoñer dun estadio “máis moderno, accesible e preparado para afrontar novos retos deportivos e para seguir acollendo competicións e eventos deportivos de primeiro nivel”.