A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou as obras de mellora do saneamento e depuración da localidade

A Xunta pon en valor o investimento de máis de 42 M€ na mellora do saneamento e da depuración de Vilagarcía de Arousa que reforzará a protección ambiental da ría

Ángeles Vázquez explica que o obxectivo é dotar o concello dun sistema máis moderno, eficiente e preparado para responder ás necesidades actuais e futuras de poboación

Sinala como unha das actuacións máis salientables a ampliación da EDAR, que permitirá incrementar a capacidade de tratamento da actual depuradora, así como mellorar significativamente o proceso de depuración das augas residuais

En canto ás obras de saneamento que xa se están executando, indica que están xa moi avanzadas e a previsión é que estean rematadas antes de que remate este ano

Subliña que estas actuacións son unha mostra do compromiso da Xunta coa sostibilidade, coa calidade das augas e coa mellora dos servizos públicos, así como un exemplo de colaboración entre administracións

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 22 de xullo de 2026

 A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o investimento de máis de 42 millóns de euros que se está destinando á mellora do saneamento e da depuración de Vilagarcía de Arousa a través dunhas actuacións que reforzarán a protección ambiental da ría.

Segundo dixo hoxe a conselleira durante a visita ás obras que xa se están executando, estas actuacións estruturais para modernizar o ciclo integral da auga permitirán resolver problemas históricos do municipio, reducir os vertidos durante os episodios de choiva e mellorar a calidade das augas da ría de Arousa.

O obxectivo é dotar a Vilagarcía de Arousa dun sistema máis moderno, eficiente e preparado para responder ás necesidades actuais e futuras de poboación, mellorando a calidade do servizo e contribuíndo tamén á conservación da ría de Arousa, que é un dos principais espazos ambientais e económicos de Galicia.

Nesa liña, a conselleira, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, sinalou como unha das actuacións máis salientables a ampliación da estación depuradora de augas residuais (EDAR), cuxo contrato vén de ser adxudicado e que suporá un investimento de preto de 32 millóns de euros, dos que a Xunta aporta o 80% -31,4 millóns de euros- e o Concello, o 20% restante. Trátase dunha infraestrutura estratéxica que permitirá incrementar a capacidade de tratamento da actual depuradora, así como mellorar significativamente o proceso de depuración das augas residuais.

Máis polo miúdo, a nova infraestrutura permitirá pasar dunha depuradora dimensionada para 46.000 habitantes equivalentes a outra con capacidade para tratar as augas residuais de 100.000 habitantes equivalentes, dando resposta así ao crecemento residencial, industrial e turístico do concello e garantindo tamén un sistema de depuración máis eficiente e sostible.

Esta depuradora xeraría enerxía para autoabastecerse con paneis fotovoltaicos e con biogás, hixienizaría lodos para poder aplicalos, pretratamento para recibir fosas sépticas e, ademais, estará adaptada para poder recibir os vertidos tanto de pluviais como de actividade económica ata os 100.000 habitantes equivalentes, cumprindo así as directrices en materia de optimización do ciclo de vida dos residuos e a súa aplicación.

Logo de incidir en que a ampliación desta EDAR é unha das actuacións hidráulicas máis relevantes que está a impulsar a Xunta, a conselleira engadiu que este proxecto vén complementar as obras que xa se están executando en Vilagarcía de Arousa para mellorar a rede de saneamento.

Neste caso, as obras, que contan un financiamento de máis de 10,3 millóns de euros, financiadas integramente por Augas de Galicia, están xa moi avanzadas e a previsión é que estean rematadas antes de que remate este ano. De feito, xa están executados os dous tanques de tormentas e a maior parte da rede de colectores, quedando só pendentes os traballos para a construción do colector que cruza baixo o río Con.

O obxectivo destas actuacións é optimizar o funcionamento da rede de colectores, reducir os alivios ao medio receptor durante os episodios de choiva e garantir que un maior volume  de augas residuais chegue á estación depuradora para o seu tratamento.

Para concluír, Ángeles Vázquez subliñou que estas actuacións son unha mostra do compromiso da Xunta coa sostibilidade, coa calidade das augas e coa mellora dos servizos públicos, así como un exemplo de colaboración entre administracións para impulsar proxectos estratéxicos que melloren a calidade de vida da veciñanza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2026