O Cesga suma xa 43 investigacións no seu espazo de datos OneHealth, punto de partida do arranque da primeira fábrica europea de IA en España

OneHealth DataSpace reúne xa 36 entidades que colaboran para impulsar a saúde global mediante tecnoloxías de compartición segura de datos, intelixencia artificial, análise avanzada e computación de altas prestacións

Esta plataforma constitúe a base da futura factoría europea de IA, 1HealthAI, promovida desde Galicia para aplicar a intelixencia artificial ao ámbito sanitario

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2026

 A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou esta mañá na presentación do OneHealth DataSpace, o espazo de datos multisectorial impulsado polo CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) para favorecer a colaboración entre organizacións dos ámbitos da saúde humana, animal e ambiental. A representante da Consellería de Educación, ciencia, Universidades e FP destacou a evolución do proxecto, que conta xa con 36 entidades adheridas e 43 casos de uso, consolidándose como unha contorna de cooperación para transformar os datos en coñecemento útil mediante tecnoloxías de compartición segura, intelixencia artificial, análise avanzada e computación de altas prestacións.

Durante a súa intervención, a directora xeral sinalou que OneHealth DataSpace constitúe o punto de partida da futura factoría europea de IA en España, denominada 1HealthAI, para desenvolver aplicacións de intelixencia artificial no ámbito da saúde. O proxecto está financiado pola Empresa Común Europea de Computación de Altas Prestacións (EuroHPC JU), o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Xunta, e aspira a converterse nunha peza clave do futuro ecosistema europeo de IA aplicada á saúde. Neste sentido, destacou que “ambas iniciativas contribúen a situar Galicia na vangarda da aplicación de tecnoloxías avanzadas, como a intelixencia artificial e a computación de altas prestacións, a sectores de grande impacto económico e social como o sanitario”.

 

Ao longo da xornada, o equipo responsable deu a coñecer os principais avances acadados, presentou algúns dos casos de uso en desenvolvemento e explicou o encaixe desta plataforma co Espazo Nacional de Datos de Saúde (ENDS) e co Espazo Europeo de Datos de Saúde (EHDS), así como as oportunidades que abre de cara á posta en marcha da 1HealthAI Factory.

O proxecto conta cun financiamento de 3 millóns de euros a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), con fondos europeos NextGenerationEU. Ademais, ampliou a súa actividade ata o 31 de agosto de 2026, o que permitirá incorporar novas organizacións, reforzar os desenvolvementos xa iniciados, promover novos proxectos e intensificar as accións de difusión, formación e transferencia de coñecemento. Paralelamente, continúase traballando na súa futura integración e interoperabilidade co Espazo Nacional de Datos de Saúde.

Un ecosistema en plena expansión

Os 43 casos de uso activos representan un importante avance respecto dos sete cos que se iniciou o proxecto. Tamén medrou a participación institucional, pasando de 22 entidades adheridas en abril ás 36 actuais. Este crecemento evidencia a consolidación de OneHealth DataSpace como un ecosistema colaborativo no que administracións, centros de investigación, universidades, empresas e outras organizacións comparten, analizan, procesan e almacenan datos nunha contorna segura para impulsar solucións innovadoras desde unha visión integrada da saúde humana, animal e ambiental.

Encontros co sector para ampliar a rede de colaboración

Co obxectivo de seguir incorporando novos participantes, o CESGA puxo en marcha os Mini Encontros OneHealth DataSpace, unha iniciativa dirixida a achegar este espazo de datos a grupos de investigación e entidades interesadas en explorar novas oportunidades de cooperación. Baixo o lema Os teus datos. O teu control. Coñecemento que transforma a saúde global, cada sesión combina unha presentación do proxecto cun espazo de diálogo destinado a identificar necesidades e favorecer a incorporación de novos casos de uso. A última sesión desta edición celebrarase o 29 de xullo no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IIS Galicia Sur), no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2026