Belén do Campo destaca o apoio da Xunta de máis de 85.000€ para a mellora de camiños en 5 parroquias de Cabana de Bergantiños ao abeiro do Plan Camiña Rural

A representante do Goberno autonómico informou que a orde financia actuacións de ampliación ou mellora dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou a varias entidades de poboación

Cabana (A Coruña), 23 de xullo de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, visitou esta mañá varias actuacións de mellora executadas no concello de Cabana de Bergantiños dentro Plan Camiña Rural 2025-2026 que contempla obras nos viarios de 5 parroquias da localidade, concretamente nas parroquias de Corcoesto, Rioboo, Anos, Cesullas e Cundíns. Grazas ao apoio económico impulsado polo Goberno galego reforzáronse as infraestruturas viarias no rural e mellorouse a accesibilidade e a seguridade nas comunicacións locais.

A representante do Executivo autonómico destacou que a Xunta concedeu ao Concello de Cabana de Bergantiños unha subvención de máis de 85.000 euros, para a rehabilitación de viarios nestas zonas de uso frecuente polos veciños e fundamentais para a mobilidade diaria e o acceso a explotacións e fincas da zona, chegando a un investimento total de preto de 104.000€

A achega repartiuse en dúas anualidades, cun importe de máis de 41.000 euros no exercicio 2025 e de preto de 44.000 euros no ano 2026, no marco desta liña de axudas coa que a Xunta busca contribuír á conservación e modernización da rede viaria municipal nos concellos galegos.

No conxunto da provincia da Coruña, na convocatoria 2025-2026, un total de 86 concellos recibiron achegas da Consellería de Medio Rural por un importe global de preto de 5,5 millóns de euros e na comarca de Bergantiños-Costa da Morte foron beneficiarios destas axudas 15 concellos (A Laracha, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Muxía, Vimianzo, Ponteceso e Zas) por un importe total de máis de 1 millón de euros.

Plan Camiña Rural

A delegada da Xunta puxo en valor a importancia deste tipo de intervencións ao sinalar que “o Plan Camiña permite dar resposta ás necesidades reais dos concellos, especialmente no ámbito rural, onde a conservación dos camiños municipais resulta esencial para garantir a conectividade, facilitar a actividade económica e fixar poboación”. Neste senso, lembrou que a convocatoria do Plan Camiña Rural 2026-2027, conta cun orzamento de 19 millóns de euros en concorrencia non competitiva.

Neste sentido, subliñou que a Xunta continúa colaborando coas entidades locais “para dotar aos municipios de mellores infraestruturas e servizos, contribuíndo a unha mobilidade máis segura, eficiente e adaptada ás demandas da veciñanza”.

Belén do Campo lembrou que o Plan Camiña Rural forma parte da estratexia do Goberno galego de apoio ao municipalismo e de reforzo das comunicacións interiores, mediante actuacións que redundan directamente na calidade de vida da cidadanía e na competitividade do rural galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2026