A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou hoxe estes traballos que se desenvolven na estrada PO-546 sobre o rego de Louriñas
Allegue supervisa a instalación dunha pasarela de 70 metros de lonxitude na nova senda entre Mollavao e Os Praceres, en Pontevedra
A colocación da estrutura da pasarela, composta por seis pezas, finaliza hoxe e os traballos continuarán coa instalación doutra máis no Sartán
As dúas pasarelas, prefabricadas, son de madeira de piñeiro e aceiro
Allegue subliña o compromiso da Xunta para impulsar o uso da madeira nas infraestruturas públicas
Ambas estruturas supoñen un investimento de máis de 1M€, dentro do total de 6,3M€ que se inviste nesta senda de uso compartido peonil e ciclista
Coa instalación das pasarelas, a obra da senda acadará o 80% de execución
Pontevedra, 23 de xullo de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, supervisa a instalación dunha pasarela de 70 metros de lonxitude na senda entre Mollavao e Os Praceres, en Pontevedra. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou hoxe estes traballos que se executan no viario autonómico PO-546 sobre o rego de Louriñas.
Neste itinerario de 3,5km que terá uso compartido peonil e ciclista a Xunta está a investir 6,3M€, cofinanciados con fondos europeos FEDER. Entre as estruturas máis singulares do percorrido están as dúas pasarelas de madeira e aceiro, unha de 70 metros de lonxitude sobre o rego de Louriñas e outra de 46 metros sobre O Sartán. Estes pasos supoñen un investimento de máis de 1M€ do orzamento.
Os traballos de instalación comezaron onte mércores coa primeira destas pasarelas, a do rego de Louriñas, cuxa estrutura xa quedará colocada hoxe.
Allegue explicou que as estruturas veñen prefabricadas e instálanse co izado por medio de grúas. Unha vez finalizada a colocación da estrutura do paso de Louriñas, procederase á da pasarela do Sartán e os traballos continuarán xa posteriormente coa dotación das varandas de madeira, os solos e a iluminación, de xeito que se prevé que estean rematadas en agosto.
A conselleira destacou o compromiso da Xunta para impulsar as técnicas industrializadas e polo uso da madeira e lembrou que esta aposta vén ratificada co convenio asinado pola Consellería coa Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) para impulsar a utilización deste material en obras públicas e edificacións, tendo en conta que é un material máis sostible, duradeiro e renovable.
Neste caso das pasarelas da senda pontevedresa utilízase madeira de piñeiro laminada e tratada especialmente para garantir a súa durabilidade.
Allegue subliñou que na actualidade a obra está executada en máis do 60% aínda que unha vez que se instalen as pasarelas, acadarase xa o 80%.
Unha vez finalizada a senda, xunto co tramo xa executado en Estribela nesta mesma estrada, permitirá dispor dun itinerario peonil seguro ata as portas de Marín e que ten continuidade no propio concello marinense con outra actuación realizada tamén no viario.
“Apostamos por esa mobilidade sostible e segura -afirmou- . Esta é unha estrada que ten un índice elevado de circulación e tiñamos que garantir tamén esa seguridade nos desprazamentos das persoas”, apuntou a conselleira.