A Xunta outorga autorización ambiental integrada ao proxecto para a ampliación da planta de elaboración de produtos alimentarios procesados de Profand, en Cambre

Con esta resolución dáse por completada a tramitación ambiental da iniciativa por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

O obxectivo da empresa promotora é ampliar a capacidade de produción da súa planta de produtos alimenticios procesados a partir de peixe, crustáceos e cefalópodos, pasando de algo menos de 75 t/día a 218,2 t/día

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2026

A Xunta outorgou Autorización Ambiental Integrada (AAI) a Profand Cambre, SLU para a ampliación da súa planta de elaboración de produtos alimenticios procesados a partir de peixe, crustáceos e cefalópodos, que se localiza no parque empresarial de Espíritu Santo, no concello coruñés de Cambre.

A resolución, emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, sairá publicada nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia. Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático dá por rematado o procedemento de tramitación ambiental ao que foi sometido esta iniciativa empresarial e no marco do cal a declaración de impacto ambiental (DIA) e mais a AAI foron tramitadas conxuntamente.

De feito, o departamento autonómico ditou xa unha DIA favorable á ampliación destas instalacións, condicionada, en todo caso, a que se cumpran tanto o recollido no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación presentada polo promotor, como os condicionantes e o programa de vixilancia ambiental que figuran na propia declaración.

Así, froito das consultas realizadas durante a fase de participación pública, os organismos consultados consideraron que o proxecto non terá impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpran as condicións establecidas nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; augas e leitos fluviais; solo e infraestruturas; xestión de residuos; patrimonio natural e integración paisaxística, entre outros.

A culminación dos trámites ambientais e as correspondentes resolucións favorables por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en todo caso, non eximen ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que sexan legalmente exixibles para a execución e posta en funcionamento do proxecto.

Actualmente, Profand Cambre, SLU, dispón no polígono industrial de Espíritu Santo, en Cambre (A Coruña), dunha planta de elaboración de cefalópodos, crustáceos e peixe refrixerado, cunha capacidade de produción inferior ás 75 t/día de produto acabado. Co proxecto ao que se lle acaba de outorgar AAI, proxéctase ampliar a capacidade de produción de produtos acabados a 218,2 t/día.

O promotor, por tanto, pretende realizar unha serie de modificacións no proceso que se viña levando a cabo ata o de agora nestas instalacións, como o desmantelamento de parte dos equipos actuais, a instalación de novas liñas de envasado e a redistribución dos usos das salas, para incrementar a capacidade produtiva.

Data de actualización: 24/07/2026