Rueda participa no acto de recepción da obra ‘Santa’, de Francisco Asorey, no seu regreso definitivo a Galicia

A escultura, que retorna á comunidade 100 anos despois da súa creación, poderá visitarse na Cidade da Cultura

Trátase dunha peza fundamental do patrimonio galego e un símbolo da emigración galega no mundo

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá no acto de recepción da obra Santa, de Francisco Asorey, que regresa definitivamente a Galicia e poderá visitarse no Museo Gaiás da Cidade da Cultura.

Trátase dun día histórico para a cultura galega xa que esta escultura, creada hai 100 anos e que representa a unha labrega espida que leva sobre os seus ombros un xugo, está considerada unha peza fundamental do patrimonio autonómico polo seu alto valor histórico e artístico.

Ademais, Santa converteuse tamén nun símbolo da Galicia exterior. No seu momento foi mercada pola Casa de Galicia de Montevideo, converteuse nun dos mellores exemplos do patrimonio que foi conservado por centros e asociacións de galegos en América e nun símbolo da emigración galega no Uruguai.

Logo de ser adquirida no 2023 polo Goberno autonómico, a obra poderá visitarse desde agora na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela e consolidará o atractivo cultural do Gaiás. Unha medida que se enmarca na aposta da Xunta porque os museos non actúen unicamente como salvagardas da cultura, patrimonio e identidade dun territorio senón que exerzan como motor cultural, social e turístico, sendo un dos escaparates da mellor Galicia Calidade.

Santa é unha obra cun alto valor simbólico pola súa vinculación á emigración galega,  que actúa como nexo de unión entre a Galicia do exterior e a comunidade. Uns lazos históricos que veñen de ser recoñecidos a través das Medallas de Galicia que, nesta edición, galardoaron o labor de catro mulleres, de orixe galega, que destacan profesionalmente e contribúen a facer medrar o país de destino dos seus familiares – Venezuela, Suíza, a Arxentina e o Brasil, respectivamente- sen esquecer nunca as súas raíces.

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2026