A Xunta presenta en Valga a campaña sobre os riscos no manexo do tractor en colaboración coas unidades móbiles e puntos fixos da ITV
Valga (Pontevedra), 29 de xullo de 2026
A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, presentou hoxe na unidade móbil da ITV en Valga a campaña Prevención de riscos no manexo do tractor. En colaboración coas estacións onde se realizan as inspeccións técnicas de vehículos (ITV), distribuiranse folletos en galego e en castelán elaborados polo Issga tanto nas unidades móbiles como nos puntos fixos da ITV e nos concellos, co fin de chegar ao maior número posible de persoas agricultoras, gandeiras, traballadoras forestais e todas aquelas que teñan relación coa utilización do tractor.
Tendo en conta que a maior parte dos accidentes relacionados teñen que ver coa envorcadura deste vehículo agrícola, co atrapamento na toma de forza ou con sinistros de circulación, a iniciativa busca concienciar as persoas que viven no rural sobre os riscos do manexo do tractor e dos seus apeiros, sobre os posibles danos que poden ocasionar e, nese senso, sobre a necesidade de incorporar estruturas de protección antienvorcamento e de usar o cinto de seguridade. A documentación elaborada polo Issga englóbase na Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 e no Plan de actuación do Issga para 2026, concretamente, co fin de reforzar a sensibilización sobre o manexo seguro de maquinaria agrícola.