A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, deron conta hoxe desta nova promoción

A Xunta licita por 9,6 M€ as obras dos 80 aloxamentos compartidos que se construirán en Navia, en Vigo, destinados ao alugueiro para menores de 36 anos

Este inmoble de aloxamentos compartidos de Vigo é o primeiro cuxa obra se licita dos que a Xunta ten en marcha en Galicia

Terá baixo e 4 alturas, con 20 aloxamentos en cada planta, xunto a espazos comúns para traballo e coworking, zona de lavandería en cada unha das plantas ou 92 prazas de aparcamento de bicicletas

A cuberta transitable forma unha gran terraza exterior para desfrute dos residentes, na que poderán instalar hortos elevados

Allegue enmarcou esta actuación nas medidas impulsadas pola Xunta para facilitar o acceso á vivenda da xente moza

As empresas terán de prazo ata o 1 de outubro para presentar as súas ofertas e os traballos terán, unha vez adxudicados, un prazo de execución de 24 meses

López Campos encadra esta iniciativa dentro das medidas do Plan estratéxico de xuventude do Goberno galego con máis de 700 M€ e 130 medidas

Vigo, 29 de xullo de 2026

A Xunta licita por 9,6M€ as obras dos 80 aloxamentos compartidos que se construirán en San Paio de Navia, en Vigo, e destinados a menores de 36 anos. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, deron conta hoxe desta nova licitación.

O inmoble destinarase a aloxamento temporal en alugueiro para persoas menores de 36 anos e, como destacou a conselleira, é o primeiro cuxa obra se licita dos que a Xunta ten en marcha en Galicia.

Trátase dunha alternativa residencial, regulada pola Xunta a través dunha modificación normativa que entrou en vigor o pasado 2025, que busca dar facilidades ás necesidades de emancipación da xente moza na súa incorporación ao mercado laboral. “Permítenos crear estas formas de convivencia que, por suposto, garanten eses espazos privados de intimidade, pero tamén con espazos colectivos de socialización”, indicou.

Allegue enmarcou esta promoción no compromiso da Xunta para facilitar o acceso á vivenda dentro da liña de apoio á mocidade, e lembrou outras medidas acordadas polo Goberno galego neste eido, entre elas a reserva do 40% das novas vivendas destinadas a alugueiro ou o 25% das de venda a menores de 36 anos, ademais dos avais para compra de vivenda, ou as axudas de adquisición para vivenda protexida ou en centros históricos.

As empresas poderán presentar ofertas para as obras dos aloxamentos ata o 1 de outubro e, unha vez adxudicadas, as obras terán un prazo de 24 meses.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude encadrou esta iniciativa dentro da medidas do Plan estratéxico de Xuventude 2025-2027 do Goberno galego, que conta con máis de 700 millóns de euros e 130 medidas “para mellorar a formación e empregabilidade dos mozos, garantir o seu benestar físico e psíquico e contribuír a súa emancipación”.

Precisamente, puxo en valor o “grande éxito de acollida” do pioneiro Bono Emancípate, “con máis de 3.600 solicitudes recibidas este ano para que os mozos e mozas conten cunha axuda para afrontar os primeiros gastos dunha vida independente e cuxa partida incrementamos este ano ata os 3M€”.

Características

A conselleira destacou o deseño e a calidade do proxecto deseñado polos arquitectos Alfonso Penela e Juan Taboada, cun inmoble que terá baixo e 4 plantas, con 20 aloxamentos en cada unha (4 deles adaptados). Ademais, conta con servizos como o espazo dedicado para traballo e coworking (con acceso tanto para residentes como persoas alleas ao inmoble), zona de lavandería en cada unha das plantas, ou 92 prazas de aparcamento de bicicletas.

Outra das singularidades da promoción está na súa cuberta transitable, que forma unha gran terraza exterior para desfrute dos residentes, na que poderán instalar hortos elevados (a modo de mobles xardineira). Complétase con intervencións como un patio inglés con lucernarios na parte traseira do edificio. No deseño cóidase especialmente a sostibiidade, xa que ten en conta o uso da aerotermia e incorpora tamén na cuberta paneis solares.

A Administración autonómica está a promover proxectos de aloxamentos compartidos tamén en Santiago, Lugo e A Coruña, e xunto aos de Vigo, suman un total de 340 vivendas.

Outras actuacións de vivenda en Navia

A Xunta ten en marcha no barrio un total de 927 vivendas de promoción pública en Navia, das que están en obras 309 e o resto, 618, coa obra xa licitada ou adxudicada, moita a piques de comezar. Neste senso, a plataforma de contratos de Galicia recolle hoxe a adxudicación das obras das 73 vivendas que se construirán nas parcelas MIIIB7 e MIIIB8 á empresa Construcciones Ramírez.

O investimento mobilizado ata agora, incluíndo proxectos, licitacións de obras, execución de urbanización e adquisición de solo, acada os 238M€

Por outra banda, a Xunta tramita dous Proxectos de Interese Autonómico (PIA) en Vigo para desenvolver solo onde construír vivendas, no ámbito do Ofimático e no de Ramón Nieto. No primeiro caso, o PIA, que prevé solo para 2.000 vivendas, xa conta con aprobación inicial. No ámbito de Ramón Nieto desenvolverase solo para outras 1.300 vivendas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/07/2026