A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, visitou hoxe a actuación executada no concello pontevedrés

Allegue pon en valor a humanización das avenidas de Puxeiros e Rebullón en Mos, nas que a Xunta colaborou cun investimento de 600.000€

A actuación permitiu gañar máis espazo para uso peonil en ambas rúas, con novas zonas de estancia, xardíns, novo mobiliario urbano e iluminación entre outras intervencións

Allegue subliña a colaboración institucional entre administracións para o impulso da transformación integral destes viarios para gañar máis espazo peonil, máis seguridade e accesibilidade

Mos (Pontevedra), 30 de xullo de 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, puxo hoxe en valor a humanización das avenidas de Puxeiros e Rebullón, así como da rotonda dos Bois, en Mos, intervención na que a Xunta colaborou cun investimento de 600.000€. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, visitou hoxe esta actuación executada no concello pontevedrés, financiada a través dun convenio co Concello.

Allegue subliñou a “transformación integral” acadada nestes viarios coa intervención realizada, que supón “un antes e un despois”. A actuación permitiu humanizar estes espazos baixo criterios de accesibilidade e sostibilidade, permitindo gañar máis espazo para uso peonil en ambas rúas e máis seguridade, con novas zonas de estancia, xardíns, novo mobiliario urbano e iluminación entre outras intervencións. O orzamento total da intervención ascendeu a 1,2M€, dos que a Xunta financiou 600.000€.

A conselleira puxo en valor esta actuación como exemplo de colaboración entre administracións, neste caso Xunta, Concello e Deputación, para traballar conxuntamente co obxectivo de mellorar a calidade de vida da veciñanza.

“Esta é unha intervención que merece a pena porque falamos de máis seguridade para as persoas e de accesibilidade universal -indicou-. Temos que apostar por embelecer as nosas vilas e cidades, facer que sexan máis atractivas e apostar por esa Galicia Calidade da que estamos orgullosos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2026