A Xunta abre a convocatoria para rescatar proxectos de empresas innovadoras que quedaron sen financiamento estatal

Son axudas de ata 325.000 € para iniciativas galegas que quedaron fóra do programa nacional por insuficiencia de crédito, co obxectivo de facelas viables

O Goberno galego destina un total de 2,6 M€ e as empresas interesadas teñen de prazo para presentar a súa solicitude desde o día 7 de agosto ata o 30 de setembro

As subvencións autonómicas cubrirán os plans de negocio das startups ata 2028 en ámbitos prioritarios como a biotecnoloxía, a IA ou as tecnoloxías cuánticas

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2026

A Xunta abre a convocatoria do Programa de recuperación de excelencia Neotec para rescatar proxectos innovadores excelentes de empresas galegas que foron seleccionados na última convocatoria estatal pero que finalmente quedaron fóra por falta de crédito. O obxectivo do Goberno galego é financiar estas iniciativas que destacan pola súa calidade para facelas viables e evitar que decaian por falta de apoio. O Goberno galego destina un total de 2,6 M€ a estas axudas.

Como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), poden optar a estas subvencións da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP os plans de negocio de empresas tecnolóxicas de recente creación, as chamadas startups, que prevén a comercialización de produtos e servizos innovadores que quedaran finalistas na convocatoria estatal. Trátase, polo tanto, de proxectos empresariais intensivos no uso de tecnoloxías ou coñecementos desenvoltos a partir da actividade investigadora promovida na nosa Comunidade. As potenciais destinatarias son pequenas empresas con sede social ou centro de traballo permanente en Galicia. O prazo de presentación de solicitudes é desde o 7 de agosto ao 30 de setembro a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

A Xunta reafirma así o seu compromiso de dar apoio á I+G+i para fortalecer o ecosistema galego de investigación co reto de converter a nosa Comunidade nunha referencia para impulsar startups de base tecnolóxica. Neste caso, as axudas cubrirán accións que se leven a cabo entre 2026 e 2028.

Axudas de ata 325.000 euros

As axudas poden solicitarse para actuacións anuais ou plurianuais. Ademais, primarase a incorporación de persoas con grao de doutor á empresa para reforzar as súas capacidades de absorción e xeración de coñecemento. A subvención máxima da Xunta é de 325.000 euros por proxecto.

Nesta convocatoria inclúese como novidade o financiamento de proxectos STEP (Plataforma de Tecnoloxías Estratéxicas para Europa). Estes proxectos céntranse nas tecnoloxías críticas, como son a biotecnoloxía, a intelixencia artificial ou as tecnoloxías cuánticas, que son precisamente tres ámbitos de especialización prioritarios para Galicia, tal e como establece o Plan de investigación e innovación autonómico.

Única comunidade con esta liña de apoio

Co fin de favorecer que as startups galegas capten máis apoio para competir co resto de empresas nacionais, a Axencia Galega de Innovación puxo en marcha hai cinco anos esta liña de subvencións, que conta con fondos europeos FEDER 2021-2027. Galicia foi xa pioneira en 2021 con esta iniciativa de rescate. De feito, segue a ser a única comunidade autónoma que ten en marcha un programa de rescate de proxectos excelentes.

Neste período, o Executivo galego apoiou a 34 empresas cun investimento de 11,7 M€, co que se financiaron máis de 220 postos de traballo en distintos ámbitos, entre os que destacan os sectores TIC e biotecnolóxico. Con esta nova convocatoria, dotada de 2.625.000 euros, o investimento da Xunta nestas axudas alcanzará os 14,3 M€.

O emprendemento tecnolóxico é un piar básico do Plan galego de I+D+i 2025-2027 na aposta da Xunta pola economía do coñecemento, contribuíndo á consolidación das empresas de base tecnolóxica de recente creación.

Data de actualización: 30/07/2026