Villares e o alcalde das Nogais avalían proxectos e investimentos da Xunta no municipio

O delegado territorial de Lugo destaca a achega de 30.000 euros para acondicionar os accesos á área recreativa A Reboleira, así como o impulso do emprego a través do programa Rural Activo 2026 e o obradoiro dual Vía Künig VII 

As Nogais (Lugo), 30 de xullo de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, reuniuse hoxe co alcalde das Nogais, Jesús Núñez, no marco das visitas institucionais que está a realizar aos concellos da provincia. A xuntanza serviu para analizar os principais proxectos e investimentos autonómicos no municipio. 

Entre as colaboracións comprometidas este ano, Villares destacou a achega de 30.000 euros da Axencia de Turismo de Galicia para dedicar á  recuperación e embelecemento do acceso a área recreativa A Reboleira. O apoio concedeuse a través da orde anual de axudas a concellos para mellorar as súas infraestruturas turísticas.

O delegado territorial tamén salientou o impulso do emprego a nivel local, a través de programas como o Rural Activo 2026 e o obradoiro dual Vía Künig VII, compartido por As Nogais, Baralla e Becerreá.

A través do Rural Activo, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina 91.400 euros á contratación de cinco persoas traballadoras no Concello das Nogais durante nove meses a xornada completa.

A convocatoria contempla a incorporación deste persoal para realizar tarefas de prevención de incendios, relacionadas coa planificación preventiva, a silvicultura, a limpeza de montes, a valorización forestal e a xestión da biomasa. 

No que respecta ao obradoiro, o Goberno galego financia con preto de 493.000 euros unha nova edición que está en marcha dende o mes de xuño. O taller ofrece unha oportunidade laboral a 20 persoas desempregadas, que teñen ocasión de mellorar os seus perfís profesionais en especialidades relacionadas coa construción.

Villares manifestou que a Xunta seguirá reforzando a colaboración cos concellos para avanzar na mellora de infraestruturas e servizos en toda a provincia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/07/2026