A Xunta destaca en Vigo o emprendemento no eido da economía social a través da mostra ‘ES-Factory Pop Up’
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, asistiu esta tarde á primeira xornada do evento que reunirá deica mañá 11 iniciativas empresariais, no marco do proxecto ES-Factory de cooperación Galicia–Norte de Portugal
Este proxecto liderado polo Goberno galego ten como obxectivo impulsar e consolidar emprego de calidade en novas actividades emerxentes do territorio transfronteirizo a través da economía social
A exposición das iniciativas relacionadas cos xogos de mesa, xoiería, cosmética natural, experiencias de turismo sostible, benestar ou saúde mental complementarase con talleres para dar a coñecer os proxectos, así como con propostas lúdicas e de ocio
Vigo, 30 de xullo de 2026
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, asistiu esta tarde á primeira xornada do ES-Factory Pop Up, unha mostra que reunirá deica mañá 11 iniciativas vinculadas co emprendemento e a economía social no marco do proxecto transfronteirizo ES-Factory, de cooperación Galicia–Norte de Portugal. Cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do programa Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027, este proxecto liderado pola Xunta ten como obxectivo impulsar e consolidar emprego de calidade en novas actividades emerxentes do territorio transfronteirizo a través da economía social.
En concreto, o evento emprazado na contorna do Tinglado do Porto de Vigo acolle iniciativas empresariais relacionadas cos xogos de mesa, xoiería, cosmética natural, experiencias de turismo sostible, benestar ou saúde mental. Compleméntase cunha programación de actividades que inclúe diversos talleres para dar a coñecer os distintos proxectos, ademais de propostas lúdicas e de ocio para todos os públicos.
Cómpre lembrar que o proxecto transfronteirizo ES-Factory albergou tamén a aceleradora de economía social Xunta Impulsa, unha iniciativa de formación e asesoramento que se desenvolveu tanto con sesións presenciais no Polo de emprendemento e apoio ao emprego de Vilanova de Arousa como con outras telemáticas. As iniciativas participantes procederon de toda Galicia, predominando as do ámbito educativo ou cultural, así como as que daban protagonismo ao rural e á natureza no campo da produción agroalimentaria, da gastronomía, do ocio ou da cosmética. Tamén estiveron representados os eidos do deporte, do benestar ou do sector TIC.