A Xunta publica a convocatoria do proceso selectivo para cubrir máis dun cento de prazas para os corpos de policía local en 40 concellos galegos

O prazo para inscribirse comezará despois de que o anuncio se publique no BOE e estará aberto durante 20 días hábiles a través da sede electrónica do Goberno galego

Desde 2018, a Academia Galega de Seguridade Pública realiza os procesos selectivos unitarios deste persoal coa selección neste período de máis dun milleiro de policías

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de 133 prazas para os corpos de Policía Local de 40 concellos galegos, das que 105 se cubrirán por oposición libre e as 28 restantes por provisión de mobilidade. Estas últimas van destinadas aos policías xa en exercicio que cambian de concello mediante sistema de concurso e de conformidade cun baremo de méritos. 

O prazo para inscribirse nesta convocatoria comezará despois de que o anuncio se publique no Boletín Oficial do Estado e permanecerá aberto durante 20 días hábiles a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal.

A oposición libre contará con cinco exercicios: un test de coñecemento de 100 preguntas sobre o temario publicado que se prevé celebrar no mes de setembro xunto coa proba de coñecementos do idioma galego, salvo para as persoas que estean exentas. O proceso continuará coas probas de aptitude física (velocidade potencia de tren superior e inferior, resistencia xeral e natación), psicotécnicas (intelixencia, personalidade entrevista persoal)  e recoñecemento médico. Unha vez rematado o proceso dará comezo o curso selectivo na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), e os aspirantes admitidos pasarán a formar parte da nova promoción de Policía Local da Academia. 

Os concellos que convocan prazas nesta convocatoria por algunha das dúas modalidades son A Coruña, A Guarda, A Illa de Arousa, A Laracha, A Pobra do Caramiñal, Ares, Arzúa, Barbadás, Boiro, Cedeira, Celanova, Culleredo, Fene, Ferrol, Fisterra, Gondomar, Lugo, Melide, Moaña, Muxía, Nigrán, O Barco de Valdeorras, Oleiros, Ortigueira, Ourense, Padrón, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Sada, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Silleda, Soutomaior, Teo, Tui, Verín, Vigo e Xinzo de Limia. 

Proceso de selección unitario

Desde 2018, a Xunta, a través da Agasp, realiza os procesos selectivos unitarios do persoal de Policía Local coa selección neste período de máis dun milleiro de policías galegos mediante convenios cos concellos que ceden esta competencia no Goberno galego. Así, dos 126 municipios galegos con corpo de Policía Local, deles -incluídas as sete cidades galegas -92 deles encomendan á Academia a selección dos seus axentes, o que supón máis do 75%. 

A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar as novas promocións de Policía Local ofrece accións formativas con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario e dos servizos de emerxencias que garanten a seguridade da poboación galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/07/2026