A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, presidiu esta mañá a reunión do consello de administración de Sociedade de Vivenda Pública de Galicia

A Xunta adxudica a obra de construción de 250 vivendas de promoción pública con técnicas industrializadas en Xuxán, na Coruña

O importe de adxudicación é de máis de 47,9 millóns de euros

O contrato inclúe a redacción do proxecto, a dirección de obra e a construción destes novos fogares

Construiranse nunha parcela propiedade da Xunta que inicialmente estaba prevista para oficinas e cuxo uso cambiou coa modificación do PXOM na cidade

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2026

O consello de administración da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) autorizou hoxe a adxudicación do contrato para a construción de 250 vivendas de promoción pública na parcela Z-44 de Xuxán (A Coruña). A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, presidiu esta mañá a reunión do consello de administración de Vipugal.

A empresa adxudicataria do contrato encargarase da redacción do proxecto, a dirección de obra e a execución dos traballos de construción das vivendas. Trátase da firma Constructora San José, S.A. a encargada da execución das obras, nas que obrigatoriamente deberán empregarse técnicas industrializadas.

O contrato licitouse por importe de 51.581.729,67 euros e adxudícase por 47.960.692,25 euros.

A parcela na que se construirán as vivendas é propiedade da Xunta e inicialmente estaba previsto o seu destino para oficinas, pero a modificación do PXOM da Coruña a instancias da Xunta cambiou o uso a vivendas, dado que a demanda de oficinas na zona é inexistente.

Actualmente a Xunta desenvolven un total de 1.061 vivendas de promoción pública no concello da Coruña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/07/2026