A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia a convocatoria para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas sociosanitarios no ámbito dos trastornos mentais
O Executivo galego incrementa nun 25,49 % a partida destinada ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a realización de actividades que melloren a calidade de vida destes pacientes
A orde de axudas de 2026 incorpora unha nova liña de financiamento específico para as actividades destinadas á atención da saúde mental da infancia e adolescencia
O ano pasado estes incentivos da Xunta posibilitaron o desenvolvemento de 46 programas que contribuíron a mellorar a saúde mental da poboación galega
A Xunta poderá anticipar ás entidades beneficiarias ata o 90 % destas axudas, posibilitando a súa xustificación con posterioridade á realización das actividades
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, a orde da Consellería de Sanidade coa convocatoria de incentivos destinados ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario no ámbito dos trastornos mentais e as adiccións. O Executivo galego apoiará estas institucións achegando un total de 1.694.134 euros en concepto de axudas.
A Xunta ten entre os seus obxectivos prioritarios mellorar a atención da saúde mental da poboación galega e, por este motivo, na orde de axudas correspondentes a este exercicio incrementará nun 25,49 % (en 344.134 €) o orzamento consignado para o desenvolvemento deste tipo de actividades.
O ano pasado, esta liña de axudas posibilitou o desenvolvemento de 46 programas que contribuíron a mellorar a saúde mental da poboación galega.
Entre as novidades que incorpora a convocatoria deste 2026 destaca unha nova liña de actuación que se centrará en iniciativas vinculadas á atención integral á saúde mental na infancia e na adolescencia.
Esta nova liña contribuirá ao financiamento de programas dirixidos á prevención, detección temperá, intervención psicosocial, apoio familiar e inclusión social de nenos, nenas e adolescentes con problemas de saúde mental ou trastornos do neurodesenvolvemento con trastorno mental comórbido.
Xunto con ela, a orde estrutúrase ao redor doutros cinco eixes estratéxicos en que se definen que actividades son susceptibles da concesión destas axudas.
En concreto, disporase dunha liña de axudas para financiar proxectos de investimento de melloras para os centros sanitarios cuxa actividade asistencial principal sexa o desenvolvemento de programas asistenciais e psicosociais en materia de trastornos mentais, incluídos os trastornos adictivos.
En segundo lugar, a convocatoria tamén posibilitará levar a cabo programas de intervención comunitaria destinados a aquelas persoas que padezan trastornos de tipo mental.
Outro dos eixes estratéxicos incidirá na realización de programas de prevención terciaria en adiccións comportamentais e outras adiccións.
Así mesmo, serán obxecto de axuda os programas de incorporación social e fomento do emprego para as persoas con trastornos mentais e, tamén, aqueles programas centrados na prevención do suicidio.
Un ano máis, a convocatoria desenvolverase na modalidade de concorrencia competitiva e poden acceder a ela todas aquelas entidades sociais sen ánimo de lucro que promovan novas estratexias que dean resposta ás necesidades da poboación que sofre doenzas de tipo mental.
Para facilitar o desenvolvemento dos programas, o Executivo galego poderá anticipar ás entidades beneficiarias ata o 90 % destas axudas, posibilitando a súa xustificación con posterioridade á realización das actividades.