O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presenta o proxecto nunha visita ao centro

A Xunta investirá 1,4 M€ na remodelación completa do colexio plurilingüe de Nadela

Actuarase sobre os catro edificios que compoñen o centro co obxectivo de mellorar o confort da comunidade educativa e a eficiencia enerxética das instalacións

Illaranse as fachadas e renovaranse fiestras, luces e falsos teitos de todos os edificios, ademais de mellorar as cubertas e a accesibilidade

Construirase un novo patio cuberto e ampliaranse o comedor e a biblioteca, entre outras actuacións

A maiores, o conselleiro e a alcaldesa de Lugo asinaron un convenio para poñer a disposición da cidadanía as instalacións deportivas dos institutos da cidade

Lugo, 31 de xullo de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe o proxecto de rehabilitación integral do Colexio de Nadela, en Lugo, no que a Xunta de Galicia vai investir 1,4 M€, e que vai supoñer a remodelación completa dos catro edificios que compoñen o centro.

A intervención, que se enmarca no Plan de nova arquitectura pedagóxica, ten como obxectivo “mellorar o confort diario da comunidade educativa, ao tempo que se mellora a súa accesibilidade e eficiencia enerxética”. Non en balde, de media reducirase en máis dun 92% tanto o consumo de enerxía como o de emisións de dióxido de carbono.

A obra licitarase este mesmo mes de agosto e a previsión é comezar cos traballos a finais de ano. Deste xeito, podería estar lista para o inicio do curso escolar 2027/28.

Actuacións previstas

En canto ás actuacións comúns aos catro edificios, illaranse todas as fachadas mediante a aplicación de 1.232 m² de sistema SATE, mudaranse 86 fiestras e 16 portas exteriores e instalaranse 325 novas luminarias led e 140 luces de emerxencia.  Así mesmo, instalarase falso teito acústico en todos os volumes e mellorarase a accesibilidade a través de diferentes actuacións.

A maiores, substituiranse as caldeiras de gasóleo por caldeiras de biomasa con silo exterior e cambiaranse 213 m² de cuberta do edificio da antiga escola, mentres que nos outros tres se acomete o illamento de cuberta e soportal.

No caso das actuacións concretas en cada edificio, no A abrirase unha nova aula no soportal e instalarse un novo ascensor e un aseo adaptado; mentres que no B se ampliará a zona de acceso e se reubicará a conserxería. No edificio C acometerase a ampliación do comedor, redistribuirase a cociña para que a despensa e almacén sexan máis grandes e construiranse un novo despacho e un vestiario para persoal non docente.

Finalmente, no edificio da antiga escola ampliarase a biblioteca, trasladándoa á planta baixa, instalaranse dous aseos adaptados, colocaranse varandas nas escaleiras e pecharase o acceso exterior ao soportal.

No que atinxe aos espazos exteriores, construirase un novo patio cuberto de  309 m² con cuberta de policarbonato que servirá como zona de xogos protexida e habilitarase un itinerario accesible continuo, tamén protexido que conectará todos os edificios do complexo escolar.

Instalacións deportivas

No marco da súa visita a Lugo, o conselleiro asinou tamén un convenio coa alcaldesa, Elena Candia, para poñer a disposición da cidadanía as instalacións deportivas dos institutos da cidade. Poderán empregalas, a través do Concello de Lugo, fóra do horario lectivo e actividades docentes, para fins de carácter educativo, deportivo e cultural.

Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta sinalou o acordo como “un exemplo de colaboración institucional en prol de que os lucenses poidan gozar de máis e mellores servizos públicos dun xeito totalmente gratuíto”.

O acordo comezará a aplicarse co pavillón dos IES Ollos Grandes e Lucus Augusti, utilizados por nove clubs deportivos, e permitirá estender este modelo ao resto dos institutos de titularidade autonómica do municipio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/07/2026