Activo un incendio forestal no concello lucense de Palas de Rei, parroquia de Cuíña

O lume iniciouse ás 17,58 horas de hoxe e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 20 hectáreas

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2026

A Consellería do Medio Rural informa dun incendio forestal, activo arestora, que se rexistra no concello lucense de Palas de Rei, parroquia de Cuíña.

Este lume iniciouse ás 17,58 horas de hoxe e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse, polo de agora, 4 técnicos, 8 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 1 pa, 3 helicópteros e 8 avións. 

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Asemade, tamén está dispoñible para a súa descarga ALume, a app para avisar sobre incendios forestais activos en Galicia. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X: @incendios085.

Data de actualización: 02/08/2026