A Xunta destina máis de 585.000 euros a dinamizar o emprego rural en 16 concellos da zona de Ferrolterra a través do programa ‘Rural Activo’
A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe ás catro persoas contratadas nas Somozas ao abeiro desta convocatoria
As persoas contratadas realizarán tarefas relacionadas, maioritariamente, coa prevención de incendios nas faixas secundarias
As Somozas (A Coruña), 5 de agosto de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe, xunto ao director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, o Concello das Somozas. Durante a visita, na que estiveron acompañados do alcalde do municipio, Juan Alonso Tembrás, puideron comprobar o traballo que están a desenvolver as catro persoas contratadas, ao abeiro do programa Galicia Suma Talento: Rural Activo.
Tal e como explicou Aneiros, este programa “busca impulsar o emprego no medio rural e reforzar o coidado deste”, xa que as persoas contratadas realizarán tarefas relacionadas, maioritariamente, coa prevención de incendios nas faixas secundarias, como a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a xestión da biomasa e a limpeza de montes. No caso das Somozas, que recibiu unha axuda de preto de 68.000 euros para as catro contratacións, estanse a realizar tarefas de limpeza.
A representante autonómica lembrou que a convocatoria deste ano de Galicia Suma Talento: Rural Activo, dotada con 20 millóns de euros, deixou en total máis de 585.000 euros en 16 concellos da Delegación, o que significou a contratación de 34 persoas a xornada completa durante nove meses.
Aproveitou tamén para salientar as novidades coas que contou este ano o programa para reforzar a eficacia das actuacións preventivas. Entre elas destaca a creación da figura da persoa coordinadora municipal de prevención de incendios, destinada aos concellos adheridos ao convenio de colaboración entre a Xunta e Seaga en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais. Estes municipios tiveron a posibilidade de contar cun contrato adicional para coordinar os equipos de traballo e planificar as actuacións de acordo coa estratexia autonómica.
Ademais, por primeira vez garantiuse aos concellos afectados polos grandes incendios forestais e aos adheridos a este convenio o mesmo número de contratacións que na convocatoria anterior. Tamén se incrementaron os apoios para os municipios con máis de 1.500 hectáreas de redes secundarias de franxas de xestión de biomasa.
O apoio da Xunta complétase cunha formación específica para as persoas coordinadoras en materias relacionadas coa prevención de incendios, o uso de maquinaria e ferramentas forestais e a seguridade no desempeño das súas funcións.