Belén do Campo comproba no concello de Abegondo o labor dos 6 traballadores contratados cun apoio de mais de 110.000€ do programa ‘Galicia Suma Talento: Rural Activo’
Na provincia da Coruña a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou máis de 5 millóns de euros a esta liña de axudas o que permitiu a contratación de 283 persoas en 82 concellos
Como novidade, ese ano, asignouse un contrato adicional para desenvolver os labores de coordinación aos concellos adheridos ao convenio de colaboración entre o Goberno galego e Seaga en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais
Abegondo (A Coruña), 3 de agosto de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, visitou hoxe o Concello para comprobar o traballo que están a desenvolver as 6 persoas contratadas durante nove meses a xornada completa, ao abeiro do programa Galicia Suma Talento: Rural Activo, unha iniciativa do Goberno galego destinada a fomentar o emprego entre persoas desempregadas ao tempo que reforza a prevención de incendios forestais e a conservación do medio rural.
Durante a visita, a representante autonómica destacou que o Concello de Abegondo conta cunha achega de máis de máis de 110.000 euros, que permitiu a contratación destes 6 traballadores para realizar actuacións de limpeza de montes, xestión da biomasa, mantemento de espazos naturais e outras tarefas de carácter forestal e ambiental. Ademais, o Concello de Abegondo é un dos beneficiarios da novidade incorporada na convocatoria de 2026 do coordinador, unha figura creada para reforzar a planificación e a eficacia dos traballos de prevención de incendios forestais. A súa función é coordinar e supervisar o labor do persoal contratado, garantindo o desenvolvemento das actuacións conforme á planificación establecida e en coordinación co dispositivo de prevención e defensa contra os incendios forestais
A delegada subliñou que este programa contribúe a ofrecer unha oportunidade laboral ás persoas desempregadas, facilitándolles experiencia profesional e mellorando a súa empregabilidade, ao tempo que permite reforzar actuacións prioritarias para a protección do territorio e a prevención dos incendios forestais.
A representante autonómica lembrou que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración resolveu unha nova edición de Galicia Suma Talento: Rural Activo, dotada con 20 millóns de euros. No conxunto da provincia da Coruña, a Xunta financiou a contratación de 282 persoas en 82 concellos, cun investimento superior aos 5 millóns de euros, consolidando esta convocatoria como unha ferramenta clave para apoiar ás entidades locais e fortalecer a prevención de lumes no territorio. No caso concreto da comarca do Betanzos, contaron co apoio da Xunta, 13 concellos, para contratar a 45 desempregados cunhas achegas de preto de máis de 755.000 euros.
Un programa con novidades
Belén do Campo lembrou que o programa Galicia Suma Talento: Rural Activo incorporou importantes novidades este ano para reforzar a eficacia das actuacións preventivas. Entre elas destaca a creación da figura da persoa coordinadora municipal de prevención de incendios, destinada aos concellos adheridos ao convenio de colaboración entre a Xunta e Seaga en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais. Estes municipios tiveron a posibilidade de contar cun contrato adicional para coordinar os equipos de traballo e planificar as actuacións de acordo coa estratexia autonómica.
Ademais, por primeira vez garantizouse aos concellos afectados polos grandes incendios forestais e aos adheridos a este convenio o mesmo número de contratacións que na convocatoria anterior.
O programa complétase cunha formación específica para as persoas contratadas en materias relacionadas coa prevención de incendios, o uso de maquinaria e ferramentas forestais e a seguridade no desenvolvemento destes traballos, reforzando así tanto a súa cualificación profesional como a protección sostible do medio rural galego.