Rueda anuncia unha guía práctica para axilizar os trámites de avaliación ambiental e dar seguridade xurídica aos proxectos que se instalen en Galicia

Salienta que se trata dun manual “pioneiro en España”, ao abeiro da Lei de recursos naturais, e que busca establecer un marco metodolóxico común na valoración dos impactos sociais, económicos e ambientais de calquera proxecto

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio climático resalta que as avaliacións ambientais deben estudar non só as afeccións directas sobre o medio ambiente, senón tamén as consecuencias que poden ter “sobre o benestar humano, a saúde ou a calidade de vida da cidadanía”

O manual está concibido como unha ferramenta práctica para facilitarlles tanto aos promotores como á Administración a identificación das presións que cada proxecto pode exercer sobre o medio e a adopción de medidas para mitigalas

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello deu luz verde á unha guía práctica para “axilizar a avaliación ambiental sen perder seguridade xurídica dos proxectos que se instalen en Galicia”. Estará á disposición de promotores e órganos de avaliación ambiental e, tal e como dixo, “será pioneira en toda España”.

O Consello tomou razón da próxima publicación deste manual que se enmarca na aplicación da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, que establece a necesidade de integrar unha valoración dos impactos sociais, económicos e ambientais nos procedementos de avaliación dos proxectos incluídos no ámbito de aplicación da norma.

Tal e como explicou o presidente, esta valoración debe prestar especial atención aos servizos ecosistémicos, entre os que se inclúen “a provisión de auga e alimentos, a regulación do clima, a fertilidade do solo” ou a protección fronte a riscos naturais. Trátase de elementos “que nos rodean e que nos dá a propia natureza”, engadiu a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, quen lembrou que cómpre estudar non só as afeccións directas dun proxecto sobre os elementos ambientais, senón tamén “as consecuencias que poden ter sobre o benestar humano, a saúde, a calidade de vida” ou a resiliencia dos territorios.

Así, de acordo coa normativa, tanto o promotor como os órganos de avaliación ambiental deben identificar os servizos ecosistémicos presentes na contorna na que se pretende instalar cada proxecto, describir o seu estado, avaliar os posibles efectos da actuación sobre eles e definir as medidas necesarias para previr, reducir, corrixir ou, de ser o caso, compensar os impactos adversos. Ademais, deben identificarse as accións concretas, directas ou indirectas, destinadas á conservación, recuperación e uso sostible destes servizos que se vexan afectados.

Polo tanto, para reducir consultas e evitar requirimentos de emenda que poidan xerar inseguridade xurídica nos promotores, a Xunta porá á súa disposición –a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático– unha guía que establece un marco metodolóxico común, criterios técnicos compartidos e unhas pautas mínimas de contido que permitirán mellorar a calidade da documentación presentada.

Esta guía, concibida como unha ferramenta práctica, facilitará a identificación das presións que cada proxecto pode exercer sobre o medio e a adopción de medidas para mitigalas. Para iso, inclúe unhas fichas específicas e adaptadas ás distintas tipoloxías de proxectos nas que se recollen as principais presións que poden estar asociadas a cada actividade, os servizos que poderían verse afectados e os criterios que deben considerarse para avaliar os impactos coa finalidade de deseñar as medidas ambientais correspondentes.

A inclusión destes aspectos nas avaliacións ambientais é obrigatoria para os proxectos de produción de enerxía a partir de fontes renovables, como parques eólicos, instalacións solares fotovoltaicas ou aproveitamentos hidroeléctricos, entre outros. Tamén para aquelas iniciativas que requiran unha concesión de auga ou que estean relacionadas con dereitos e concesións mineiras, así como as instalacións de almacenamento de enerxía eléctrica ou térmica.

Ante a ausencia dun marco metodolóxico común e suficientemente detallado, a Xunta de Galicia convértese así nunha administración pioneira no ámbito estatal ao elaborar unha guía que permite dispoñer desde o principio de criterios claros e dunha metodoloxía compartida. Isto reducirá a necesidade de formular consultas, de requirir información adicional ou de solicitar a emenda da documentación presentada. En consecuencia, axilizará en conxunto a tramitación dos expedientes.

Esta guía facilitará tamén o traballo dos órganos sectoriais encargados de emitir os informes preceptivos, porque contarán con documentación estruturada, homoxénea e tecnicamente suficiente para valorar de xeito adecuado os efectos dos proxectos sobre o capital natural e os servizos que prestan os ecosistemas.

No seu conxunto, o manual permitirá mellorar a calidade das avaliacións, reforzar a motivación das decisións administrativas, garantir que os posibles impactos sobre os ecosistemas e os beneficios que lle prestan á sociedade sexan correctamente identificados e considerados e, en definitiva, avanzar cara a un modelo de desenvolvemento máis responsable, transparente e compatible coa protección do medio ambiente. “Galicia realiza 175 avaliacións ambientais ao ano, unha cada dous días. Queremos que sexan máis áxiles, transparentes e homoxéneas”, indicou a conselleira.

Unha medida coa que Galicia “busca seguir sendo extremadamente garantista cos proxectos que buscan instalarse na comunidade”, indicou o presidente, quen lembrou que esta guía vai permitir “facilitar as tramitacións e reducir, entre outras cuestións, a petición de documentación complementaria”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/08/2026