Belén do campo destaca o investimento de preto de 1,1M€ no asfaltado de dous treitos da AC-960 ao longo de 13,6 quilómetros que se están executando ao seu paso por Boqueixón

A representante do Goberno autonómico destacou que esta intervención permite renovar esta infraestrutura moi utilizada tanto polas veciñas e veciños como polos numerosos vehículos que circulan diariamente por esta zona

Boqueixón (A Coruña), 4 de agosto de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro e  pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, visitou hoxe a zona na que se están executando as obras de reforzo de firme na estrada AC-960 ao seu paso polo Concello de Boqueixón, unha actuación na que o Goberno galego está a investir preto de 1,1 millón de euros para mellorar o estado do pavimento e reforzar a seguridade viaria neste importante eixo de comunicación que beneficiará directamente aos case 4.300 veciños deste municipio. Esta estrada enlaza coa provincia de Pontevedra e ten un tráfico habitual de vehículos pesados industriais e agrícolas.

A representante do Goberno autonómico destacou que esta intervención neste municipio permite actuar en dous treitos, un de 8,1 quilómetros e outro de case 5,5 quilómetros, desta vía autonómica ao longo de máis de 13,6 quilómetros, renovando unha infraestrutura moi utilizada tanto polos veciños e veciñas como polos numerosos vehículos que circulan diariamente por esta zona. A obra xa está na súa maioría executada quedando pendente dende o punto quilométrico 3 ao 16 e a previsión é rematala este verán.

A delegada da Xunta tamén destacou que nesta mesma estrada AC-960 tamén se actuará nun tramo do Concello de Santiago e noutro tramo s do Concello de Touro o que supón unha intervención total en preto de 17 quilómetros.

Belén do Campo subliñou que se trata dunha actuación “moi necesaria para seguir mellorando as condicións de circulación, incrementar a comodidade dos usuarios e, sobre todo, reforzar a seguridade viaria nunha estrada fundamental para a mobilidade diaria do municipio”.

A delegada incidiu en que a Xunta continúa dando resposta ás necesidades de conservación da rede autonómica de estradas, priorizando aqueles puntos nos que o paso do tempo e o uso continuado fan preciso renovar o firme para garantir unha circulación en mellores condicións.

As obras adáptanse ao estado de cada tramo da estrada. Nos puntos con menor deterioro estase a reparar o firme e reforzar cunha nova capa de aglomerado. Nas zonas con danos máis importantes, retírase a capa deteriorada e repónse o pavimento.

Nos treitos nos que se detecta unha maior presenza de accesos a vivendas, aparcadoiros ou bordos, estanse a acometer fresados en cuña de 2 metros de ancho desde o límite da actuación, seguidos da reposición do firme mediante de 5 centímetros de espesor en ancho completo de carril.

Nalgúns treitos é necesario combinar varias destas solucións técnicas, executando unha eliminación parcial e reposición do firme seguida dun recrecemento da capa de rodaxe, co fin de ofrecer unha resposta máis eficaz ás necesidades específicas de cada tramo.

Actuación global

Belén do Campo puxo en valor o inxente esforzo da Xunta en materia de conservación e mantemento da rede viaria de 5.500km de estradas para garantir a seguridade: “Temos claro que é importantísimo investir neste eido cunha folla de ruta clara en planificación conservación e reforzos de firme que estamos a executar cos correspondentes orzamentos”. En concreto, neste 2026 a Xunta destina un investimento histórico de 71,6M€ para estas tarefas de conservación e mantemento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/08/2026