A Xunta salienta o papel de Mostrart na comercialización e posta en valor dos produtos artesáns galegos
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou a 42ª edición desta cita de referencia, na que participan 56 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia
Aberta ata o vindeiro 30 de agosto nos Xardíns de Méndez Núñez, combina postos de venda directa, actividades divulgativas e visitas guiadas para achegar os diferentes oficios á cidadanía
A Coruña, 4 de agosto de 2026
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá á Coruña, onde se está a celebrar a 42ª edición da feira de artesanía Mostrart, que permanecerá aberta ata o 30 de agosto. A feira está organizada pola Asociación Galega de Artesáns en colaboración co Concello da Coruña e conta co apoio da Xunta de Galicia.
Durante a súa visita, Elena Fabeiro destacou que Mostrart é un dos eventos de comercialización directa do produto artesán galego máis consolidados de Galicia, tanto pola súa traxectoria como polo elevado número de artesáns participantes.
Mostrart estará aberta nos Xardíns de Méndez Núñez en horario de 11,00 a 14,00 h. e de 17,30 a 22,00 h. Nesta edición está previsto que participen un total de 68 expositores en diferentes quendas, dos cales 56 son obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Os participantes representan unha ampla variedade de oficios artesanais, como o coiro, o téxtil, a xoiería, a escultura, a arte floral, a cerámica, os xoguetes, a encadernación, os instrumentos musicais, a madeira, o calzado, a cerería, o tecido, a estampaxe, a bixutería, o vidro ou a sombreirería.
A feira complétase cun programa de obradoiros gratuítos de iniciación a diferentes oficios artesanais, abertos ao público e que se desenvolverán de luns a xoves durante todo o mes de agosto. Deste xeito, Mostrart convértese non só nun espazo de comercialización de produtos artesanais, senón tamén nun lugar de encontro, divulgación e coñecemento dos procesos artesanais, da creación e da experimentación.
Tras a boa acollida da pasada edición, Mostrart volverá ofrecer visitas guiadas gratuítas pola feira. Estas visitas celebraranse todos os venres do mes de agosto, con dous pases diarios, ás 11,30 e ás 18,00 h., e será imprescindible realizar inscrición previa para participar.
Feiras Galega de Artesáns
A Fundación Artesanía de Galicia colabora de maneira habitual coas diferentes iniciativas impulsadas pola Asociación Galega de Artesáns. Entre elas destaca o calendario de Feiras Galegas de Artesáns, promovido neste 2026 para achegar o produto artesán galego á cidadanía de diferentes localidades, consolidar a marca Artesanía de Galicia, contribuír á dinamización cultural, económica e turística de cada territorio e ofrecer aos artesáns espazos de venda directa de calidade en distintos puntos da comunidade.
Trátase de eventos dirixidos exclusivamente a obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, que se están a celebrar entre os meses de abril e setembro. Ata o momento realizáronse feiras en Ferrol, Padrón, San Sadurniño, Ribadavia, Oroso, A Estrada, Ribadeo, Noia e Foz. O calendario continuará os días 5 e 6 de setembro en Ponteareas e contará tamén cunha nova cita en Lugo.