Belén do Campo destaca o apoio da Xunta ao comercio local na presentación da campaña "Ven ver a nosa eclipse" de la Zona Comercial Obelisco
A delegada da Xunta participou na presentación dunha iniciativa que premiará as compras no comercio de proximidade con lentes homologadas para observar con seguridade a eclipse solar do vindeiro 12 de agosto.
A Coruña, 4 de agosto de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo presidente da Zona Comercial Obelisco, Javier Pastoriza, participou esta mañá na presentación da campaña "Ven ver a nosa eclipse", posta en marcha pola Zona Comercial Obelisco co obxectivo de incentivar as compras no comercio de proximidade e promover unha observación segura da eclipse solar que terá lugar o vindeiro 12 de agosto.
A iniciativa desenvolverase desde onte e ata o 11 de agosto e permite que as persoas que realicen as súas compras nos establecementos asociados reciban, ata fin de existencias, unhas lentes especiais homologadas para a observación segura deste fenómeno astronómico.
Durante a presentación, Belén do Campo puxo en valor o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos como dinamizadores da actividade económica e social das cidades e destacou o compromiso da Xunta de Galicia co comercio de proximidade.
"Apoiar campañas como esta significa apostar por un modelo comercial que xera riqueza, emprego e vida nas nosas rúas. Os centros comerciais abertos son aliados fundamentais para impulsar a competitividade do pequeno comercio e ofrecer experiencias atractivas á cidadanía", sinalou a delegada.
Neste sentido, lembrou que a campaña é posible grazas ao apoio da Xunta de Galicia a través das axudas destinadas aos centros comerciais abertos, que permiten desenvolver actuacións de promoción, dinamización e fidelización da clientela.
Belén do Campo aproveitou tamén para lembrar que cada ano se convocan estas subvencións, que contan cun orzamento de 2,5 millóns de euros para seguir reforzando o papel destas entidades na dinamización do comercio local.
A orde incorporou este ano importantes novidades orientadas a facilitar o acceso ás axudas e incrementar o seu impacto. Entre elas destaca a simplificación administrativa, reducindo a documentación requirida ás entidades solicitantes, así como novos criterios de valoración que premiarán as iniciativas de formación para os comerciantes, as accións de fidelización da clientela e a capacidade para atraer novos asociados.
Como novidade, tamén se incluíron por primeira vez como actuacións subvencionables os servizos de ludoteca e os espazos de lecer infantil, co obxectivo de facer máis atractivas as zonas comerciais e favorecer a conciliación das familias durante as súas compras.
Ademais, a convocatoria contemplou achegas extraordinarias para os proxectos mellor valorados, que poderán recibir ata 20.000 euros adicionais para desenvolver campañas complementarias de promoción e captación de novos públicos.
A delegada da Xunta destacou que estas medidas responden ao compromiso do Goberno galego de fortalecer un sector estratéxico para a economía galega. "Seguimos traballando para que o comercio de proximidade conte con máis ferramentas para innovar, atraer clientes e continuar sendo un motor económico e social nos nosos barrios e vilas", concluíu.