A Xunta publica no portal de transparencia o proxecto de decreto de estrutura das áreas sanitarias do servizo galego de saúde que potencia a atención primaria e comunitaria e a enfermería
Todas as áreas sanitarias contarán cunha Dirección de Atención Primaria e Comunitaria que dependerá directamente da Xerencia
Refórzase, ademais, o papel da enfermería, cuxa dirección, Enfermería e Coidados, pasará tamén a depender de forma directa da Xerencia
Para incrementar as funcións de coordinación das Xerencias das sete áreas, créase a figura da Vicexerencia en cada unha delas, substituíndo ás actuais direccións asistenciais
A modificación do decreto inclúe a creación formal do Centro de Protonterapia de Galicia como unidade asistencial de alta especialización que prestará os seus servizos ao conxunto do sistema sanitario público galego
Coa publicación no Portal de Transparencia e Goberno Aberto ábrese un prazo de quince días hábiles para a achega de suxestións
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2026
A Xunta publica hoxe no Portal de Transparencia e Goberno Aberto o proxecto de Decreto polo que se modifica o Decreto 134/2019, do 19 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do sistema público de saúde de Galicia, coa finalidade principal de potenciar a atención primaria e o papel da enfermería.
En concreto, a Consellería de Sanidade propón que todas as áreas sanitarias conten cunha Dirección de Atención Primaria que pasará a denominarse de Atención Primaria e Comunitaria e a depender directamente da Xerencia de cada área.
Entre as competencias da nova Dirección de Atención Primaria e Comunitaria estará xestionar a demanda de servizos sanitarios neste ámbito, garantindo o desenvolvemento das actuacións de promoción da saúde e prevención da enfermidade e fomentando a capacidade de resolución deste nivel asistencial, en coordinación cos xefes de servizo das unidades de atención primaria. Tamén supervisará a organización das axendas e realizará o seu seguimento para unha correcta xestión das prestacións.
Ademais, co obxectivo de potenciar a enfermería, a dirección desta especialidade, que se denominará Dirección de Enfermería e Coidados, pasará tamén a depender de forma directa da Xerencia da área sanitaria correspondente. Entre as súas funcións, o texto recolle a de impulsar a continuidade dos coidados, a coordinación entre niveis asistenciais, a xestión de casos e a participación da enfermería nos programas transversais de saúde, especialmente nos ámbitos da cronicidade, prevención, promoción da saúde, seguridade do paciente, atención comunitaria, vacinación e inmunización.
Así pois, o novo texto engade, ademais das funcións da dirección de Enfermería e Coidados, as da Direccións de Procesos de Soporte, que non figuraban no decreto anterior.
Concretamente, a Dirección de Procesos de Soporte terá, entre as súas funcións a de controlar e avaliar a actividade asistencial, así como desenvolver plans para a redución das listas de espera; analizar os indicadores de actividade e a adecuación e funcionamento dos dispositivos asistenciais; analizar e controlar os recursos asistenciais necesarios para garantir a oferta asistencial; coordinar avaliar e realizar o seguimento da prestación farmacéutica; e calquera outra función que lle sexa encomendada ou delegada pola Xerencia.
Deste xeito todos os postos de nivel de dirección no ámbito asistencial e da xestión, dependentes da Xerencia, contarán cun ámbito funcional da estrutura directiva regulado neste decreto.
Ademais, e co fin de incrementar as funcións de coordinación das Xerencias das sete áreas, créase a figura da Vicexerencia en cada unha delas, como órgano específico de apoio á persoa titular da Xerencia, toda vez que no novo texto se prescinde da Dirección Asistencial.
Centro de Protonterapia de Galicia
Ante a próxima ampliación da carteira de servizos da sanidade pública coa inclusión da protonterapia, a modificación do decreto inclúe a creación do Centro de Protonterapia de Galicia como unidade asistencial de alta especialización e cun posto directivo específico.
Exercerá as funcións de administrar tratamentos oncolóxicos de alta precisión mediante a utilización de feixes de protóns e de contribuír ao avance da oncoloxía radioterápica mediante a realización de ensaios clínicos e investigación traslacional en radiobioloxía e física médica para avaliar a eficacia da protonterapia en diferentes tipos de tumores.
O centro prestará servizos para o conxunto de Galicia e para servizos de saúde doutras comunidades autónomas e o norte de Portugal, de conformidade cos compromisos adquiridos en distintas colaboracións para a implantación da protonterapia no sistema nacional e saúde.
Seguirá os criterios de planificación e directrices de actuación que determine a Consellería de Sanidade a través da Xerencia do Servizo Galego de Saúde e, atendendo á súa situación, ao carón do Hospital Clínico de Santiago, integrarase organicamente na estrutura da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.