A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático participou nas actividades organizadas polo seu departamento no campamento de verán Area, en Viveiro

A Xunta destaca o éxito da iniciativa ‘Van polo Clima’ como fórmula de divulgación climática baseada na participación e a interacción directa coa mocidade

A través do programa Mocidade polo Clima, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático promove entre a xente moza prácticas sostibles que contribúan a mitigar os efectos do quecemento global e fomenten hábitos diarios responsables

Paula Uría destaca que a iniciativa chegará este verán a 16 campos de voluntariado e campamentos de ocio e tempo libre en toda Galicia, ademais de percorrer distintos festivais musicais, entre eles, o Festival da Luz de Boimorto a finais deste mes

Este ano prevese chegar a máis de 10.500 mozas e mozos a través desta acción itinerante coa que se busca sensibilizar a este colectivo sobre a importancia da acción climática, con charlas e outras propostas de carácter lúdico

Viveiro (Lugo), 6 de agosto de 2026

A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, acompañou hoxe ás rapazas e rapaces que participan no campamento da Xunta no Albergue Xuvenil de Area, en Viveiro, durante a realización de distintas accións enmarcadas na iniciativa Van polo Clima e animounos a converterse en axentes activos fronte ao cambio climático e o coidado medioambiental.

Enmarcada no programa Mocidade polo Clima (impulsado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático a finais do ano 2024 para formar e promover a acción climática entre o colectivo que vai dos 3 aos 35 anos), Van polo Clima é unha iniciativa de divulgación e formación, de carácter itinerante, que percorre diferentes puntos de Galicia cada verán co fin de inculcar entre a xente moza prácticas sostibles que contribúan a mitigar os efectos do quecemento global e fomenten hábitos responsables no día a día.

Este ano, a directora xeral explicou que, entre os meses de xuño e agosto, estará presente nun total de 16 campamentos de ocio e tempo libre e campos de voluntariado da Xunta, dirixidos a nenos e xente moza de diferentes idades, mentres que durante as fins de semana tamén se prevé a súa presenza nalgúns dos principais festivais de música estivais que se celebran en Galicia.

De feito, a furgoneta rotulada da Van polo Clima xa estivo no Son do Camiño (Santiago de Compostela), no PortAmérica (Portas), no Atlantic Fest (Vilagarcía de Arousa) e no Morriña Fest (A Coruña) e a finais deste mes de agosto tamén se desprazará ata o Festival da Luz, que se celebra en Boimorto.

No que levamos de verán, Van polo Clima chegou xa a máis de 6.300 mozas e mozos asistentes a algún destes festivais aos que se sumarán os asistentes ao Festival da Luz (cunha estimación de máis de 1.600 participantes). A maiores, prevese que arredor de 1.500 rapazas e rapaces participen tamén no conxunto de accións planificadas nos campamentos e campos de voluntariado, polo que a previsión do departamento autonómico é superar o balance do ano pasado e consolidar esta acción como unha fórmula de divulgación ambiental de éxito, baseada na participación, o xogo e a interacción directa coa mocidade.

En particular, no caso do campamento xuvenil que se celebra esta semana no albergue de Area, unha das accións que se realizou e contou coa participación de Paula Uría foi o Clima en Xogo, actividade lúdica por equipos na que as rapazas e rapaces tiveron que responder a unha batería de 65 preguntas sobre cambio climático, vagas de calor e incendios forestais, incluíndo tamén cuestións concretas sobre Galicia.

De igual xeito, a iniciativa Van polo Clima busca tamén fomentar entre as novas xeracións prácticas respectuosas coa contorna e sostibles en todos os ámbitos, desde as tarefas rutineiras da vida diaria ata actividades de lecer, como poden ser os festivais musicais ou os campamentos de verán.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/08/2026