A nova ambulancia medicalizada de Barbanza rexistra 68 mobilizacións no seu primeiro mes de funcionamento, con 8 traslados a Santiago de pacientes con patoloxías tempo-dependentes

Máis da metade das intervencións realizáronse no concello de Ribeira, con 40 asistencias

Activouse en dúas ocasións o programa Progaliam, o protocolo galego para a atención urxente do infarto agudo de miocardio, e nun caso o shock cardioxénico

Os motivos da activación da ambulancia máis frecuentes foron debidos a alteracións do nivel de consciencia, a cadros de disnea ou dificultade respiratoria e a traslados activados por indicación hospitalaria

A Xunta puxo en marcha este novo recurso para reforzar a atención ás urxencias tempo-dependentes de máis de 75.000 veciños dos concellos de Ribeira, O Porto do Son, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2026

A nova ambulancia de soporte vital avanzado de Barbanza, posta en marcha pola Xunta o pasado 1 de xullo, rexistra 68 mobilizacións durante o seu primeiro mes de funcionamento. 

Entre as súas actuacións destacan oito traslados secundarios de pacientes ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago con patoloxías tempo-dependentes nas que o tempo de resposta mellora o prognóstico. 

Deses oito traslados realizados, dous corresponderon a activacións do programa Progaliam, o protocolo asistencial do Servizo Galego de Saúde para garantir unha resposta rápida e coordinada ante o infarto agudo de miocardio. Ademais, realizouse un traslado por shock cardioxénico, unha situación de extrema gravidade que require unha actuación urxente e traslado medicalizado. 

O dispositivo tamén interveu na derivación de pacientes con outras patoloxías críticas como hemorraxia subaracnoidea masiva, ictus hemorráxico ou derrame pleural masivo.

Entre os motivos de asistencia máis frecuentes figuran as alteracións do nivel de consciencia, con 21 intervencións; os cadros de disnea ou dificultade respiratoria, con 9; e os traslados activados por indicación hospitalaria, que suman 8 actuacións. Tamén se atenderon accidentes de tráfico, cadros de dor, caídas e outras urxencias.

Neste primeiro mes de funcionamento a maior parte da actividade da nova ambulancia de Barbanza concentrouse no concello de Ribeira, con 40 mobilizacións; seguido do Porto do Son con 11; A Pobra do Caramiñal con 10; Boiro con 4; Rianxo con 2; ademais de 1 asistencia en Dodro. 

No que respecta aos destinos asistenciais, a ambulancia do 061 realizou 43 traslados ao Hospital Público de Barbanza. Outras 14 actuacións resolvéronse no propio lugar da asistencia, ademais de efectuarse traslados a outros centros hospitalarios cando a situación clínica o requiriu. O novo recurso asistencial, con base no Hospital Público de Barbanza, dá cobertura a máis de 75.000 veciños dos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, O Porto do Son, Boiro e Rianxo.

Data de actualización: 07/08/2026