Belén do Campo destaca na Coruña a utilidade do Bono Remuda para garantir a continuidade dos pequenos negocios

A representante do Goberno autonómico destacou que  iniciativa xa permitiu apoiar a 12 negocios na provincia da Coruña e que este ano incrementa o seu orzamento un 20% para garantir a continuidade do tecido comercial e empresarial galego

A Coruña, 7 de agosto de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe Mahía Studio, un dos establecementos beneficiarios do Bono Remuda, unha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinada a facilitar a remuda xeracional das persoas traballadoras autónomas e garantir a continuidade de negocios viables.

Durante a visita, a representante do Goberno galego puxo en valor o impacto deste programa na provincia, onde xa permitiu apoiar 12 negocios situados en nove concellos, cun investimento superior aos 275.000 euros. No caso da cidade da Coruña, o Bono Remuda beneficiou catro empresas, cunha achega global próxima aos 100.000 euros.

Belén do Campo destacou que a Xunta incrementou este ano nun 20 % o orzamento desta liña de axudas, ata alcanzar os 1,5 millóns de euros, co obxectivo de seguir impulsando o relevo xeracional no tecido comercial e empresarial galego. “O Bono Remuda destaca pola súa eficacia á hora de facilitar a continuidade dos pequenos negocios e apoiar as iniciativas emprendedoras, contribuíndo a manter o emprego e a actividade económica nos nosos concellos”, sinalou.

A delegada explicou que o programa, que ten o prazo aberto de solicitudes ata o 30 de setembro, en concorrencia non competitiva por orden de presentación, conta con dúas modalidades. Por unha banda, o Bono Remuda Rural, destinado a negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes, subvenciona o 75 % do importe do contrato de remuda. Pola outra, o Bono Remuda Xeral, dirixido aos municipios de maior poboación, cobre o 70 % do custo. A contía máxima da axuda ascende con carácter xeral a 30.000 euros, sen prexuízo das excepcións previstas na convocatoria.

Belén do Campo lembrou que o Bono Remuda forma parte da orde única de axudas da Xunta para persoas traballadoras autónomas, integrada por cinco programas orientados a favorecer o emprendemento, a consolidación da actividade e a conciliación.

Neste sentido, destacou que a convocatoria deste ano incorpora novidades na liña de promoción do emprego autónomo, dotada con 28,9 millóns de euros, ampliando ata dous anos a cobertura da cota cero para as persoas que inicien unha actividade vinculada á agricultura, á gandaría ou á silvicultura, fronte aos doce meses previstos na liña xeral. A orde complétase co Bono Nova Oportunidade, dotado con 1,5 millóns de euros para facilitar o retorno ao autoemprego; o Bono Autónomo, con 8 millóns de euros para apoiar investimentos e melloras en negocios con máis de 42 meses de actividade; e unha liña de incentivos á conciliación familiar, cun orzamento de 750.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2026