A Xunta adxudica por preto de 380.000 euros as obras de humanización da rúa Vázquez Estévez, en Arbo

A actuación enmárcanse no Plan Hurbe e permitirá gañar espazo para os peóns, mellorar a accesibilidade e reforzar a seguridade viaria

A intervención incluirá tamén a renovación das redes de saneamento e abastecemento e a instalación de novos puntos de iluminación

A Xunta asumirá o 70% do orzamento, contratará e executará as obras; e o Concello aporta o 30% restante do investimento e corresponderalle o mantemento

Santiago de Compostela,  7 de agosto de 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, adxudicou por un importe de 379.757,70 euros a execución das obras  de humanización da rúa Vázquez Estévez, no concello de Arbo.

Esta intervención, adxudicada á empresa Explotacións Medioambientais, S.L.U., enmárcase no Plan Hurbe, co que a Xunta colabora cos concellos no financiamento da dotación de equipamentos públicos ou a mellora de contornas urbanas, co fin de mellorar a calidade de vida dos veciños.

O contrato adxudicado ten como finalidade acondicionar a rúa Vázquez Estévez para convertela nun espazo máis humano, cómodo e seguro para os desprazamentos a pé da veciñanza. As obras contarán cun prazo estimado de execución dun seis meses e consistirán na reordenación da rúa para gañar espazos para os peóns, limitando o tráfico aos residentes e vehículos de emerxencia.

Os traballos incluirán a ampliación do espazo destinado aos peóns, a renovación do pavimento, e a mellora da accesibilidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas. Ademais, con estas obras reforzarase a seguridade viaria.

Nesta intervención, tamén se delimitarán as zonas de aparcadoiro, renovaranse as redes de saneamento e abastecemento e instalaranse novos puntos de luz.

De acordo ao convenio asinado entre a Xunta e o Concello no marco do Plan Hurbe, a Xunta asumirá o 70 % do investimento total das intervencións, e a Administración local o 30 % restante.

Data de actualización: 07/08/2026