Martina Aneiros salienta nas Pontes o apoio da Xunta á construción con madeira

A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou hoxe unha empresa beneficiaria da pasada convocatoria das achegas de infraestruturas en madeira da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera)

As Pontes (A Coruña), 7 de agosto de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, destacou a aposta do Goberno galego por incentivar o uso de madeira en construcións, cun investimento en axudas que, desde 2020, suma máis de 9 millóns de euros.

Fíxoo durante unha visita, na que estivo acompañada do director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez, á sede da empresa hosteleira Tralaponte, cuxa rehabilitación é un dos proxectos que se levou adiante ao abeiro deste programa de apoios da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera).

Esta empresa, que recibiu unha achega de 20.000 euros na anterior convocatoria, realizou con esta subvención traballos de forxado de madeira e carpintería exterior para a rehabilitación e cambio de uso de tres vivendas unifamiliares para albergar un restaurante e bodegón.

Aneiros recordou que continúa aberto o prazo de solicitude da actual convocatoria deste programa, que conta cun orzamento de 5 M€ para os anos 2026 e 2027. “Son axudas que poden chegar ata o 70 % do gasto subvencionable e que cobren a utilización de produtos en madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma tanto de naves e establecementos como de vivendas unifamiliares; así como a redacción dos respectivos proxectos”, explicou a delegada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2026