A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe estas actuacións executadas ao abeiro do Plan Hurbe

Allegue destaca que a humanización da contorna da igrexa de Santa María de Sacos, en Cerdedo-Cotobade, acadou un espazo máis accesible, seguro e amable para a veciñanza

As obras supuxeron un investimento de 375.000€, do que o Goberno galego financiou o 70% e o Concello o 30% restante, tras ter asinado un convenio de colaboración

Os traballos acometéronse no igrexario e na vía que comunica cos lugares das Eiras e da Vila de Abaixo

As actuacións incluíron o aumento do espazo peonil, a renovación do pavimento, a dotación de mobiliario ou a mellora da iluminación

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 13 de agosto de 2026

Allegue destaca que a humanización da contorna da igrexa de Santa María de Sacos, en Cerdedo-Cotobade, acadou un espazo máis accesible, seguro e amable para a veciñanza.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá estas actuacións levadas a cabo ao abeiro do Plan Hurbe.

Estas intervencións supuxeron un investimento de case 375.000€, dos que a Xunta financiou o 70% (260.911€) ademais de executar as obras, e o Concello aportou o 30% restante (111.819 euros).

A conselleira explicou que se actuou por unha banda, na zona aberta ao carón do adro da igrexa parroquial; e pola outra banda, na vía de aceso a Vila de Abaixo.

Esta actuación permitiu, como destacou a conselleira, mellorar de xeito significativo este espazo, gañando espazo para as persoas. Para iso, aumentouse o espazo peonil, renovouse o pavimento, instalouse mobiliario urbano e colocáronse novas luminarias LED na zona.

Tamén se substituíron as redes de pluviais e se soterraron as liñas de telecomunicacións, baixa tensión e alumeado.

Allegue fixo fincapé en que todas as melloras acometidas transformarán este ámbito nun novo punto de encontro social para a veciñanza  e revitalizarán esta parroquia.

Recordou que este tipo de actuacións se executan no marco do Plan Hurbe da Xunta, un programa co que o Goberno galego colabora cos concellos para mellorar as súas contornas urbanas ou os equipamentos públicos.

Data de actualización: 13/08/2026