A Xunta destina 500.000 euros á mellora de 39 instalacións para actividades culturais en toda Galicia

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude resolve as axudas coas que colabora coa renovación de centros socioculturais, auditorios e bibliotecas, entre outros

Entre as accións que se sufragan inclúense os traballos de mellora de accesibilidade e condicións dos locais, a inauguración de novos centros e a adquisición de equipamento

Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2026.

A Xunta de Galicia colaborará con 39 concellos para impulsar a modernización e renovación de equipamentos culturais como centros socioculturais, auditorios ou bibliotecas. Así se recolle na resolución de axudas publicada no Diario Oficial de Galicia desta liña de subvencións dotada con 500.000€.

Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribúe ao desenvolvemento e incremento da calidade da oferta cultural en concellos das catro provincias permitiron melloras en centros bibliotecarios, locais socioculturais, casas da cultura, salóns de actos e auditorios. Do cómputo dos proxectos cos que se colaborará, 19 sitúanse na provincia da Coruña, 6 na de Lugo, 7 na de Ourense e outros 7 en Pontevedra.

Mediante esta convocatoria, o Goberno galego axudará a sufragar gastos relativos á mellora da accesibilidade, mediante a instalación de plataformas elevadoras, e das condicións dos locais a través da reforma dos servizos enerxéticos ou de calefacción. Así mesmo, contribuirase á posta en funcionamento de novos centros e a mellora de equipamento das sales con accións como a instalación de butacas ou a compra de equipamento escénico, audiovisual, de iluminación e de son.

O Executivo autonómico responde así ao seu compromiso coa modernización e adecuacións deste tipo de infraestruturas en liña cos obxectivos do Plan de modernización das infraestruturas culturais públicas de Galicia ou en dos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia para permitir o acceso á cultura sexan cales sexan as circunstancias sociais, económicas ou demográficas. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/08/2026