A Xunta destina 120.000 euros á mellora das infraestruturas do parque empresarial Merlín, no concello de Agolada

O delegado territorial visitou o parque empresarial, beneficiario dunha das axudas da Xunta para a habilitación e mellora das áreas empresariais de Galicia

Na área territorial de Pontevedra, nove parques empresariais recibiron estas achegas por un importe total de preto de 590.000 euros

Agolada (Pontevedra), 12 de agosto de 2026.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, visitou esta mañá o parque empresarial Merlín, no concello de Agolada, beneficiario dunha axuda de 120.000 euros ao abeiro da liña de axudas da Xunta destinada á habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais de Galicia.

Durante a visita, o delegado destacou a importancia deste tipo de investimentos para que os parques empresariais dispoñan de espazos e servizos adecuados para o desenvolvemento da actividade económica e para favorecer a implantación e consolidación de empresas, especialmente no ámbito rural.

A actuación no parque empresarial Merlín conta cunha achega por parte da Xunta de preto de 120.000 euros (80% do investimento total) que permitirá impulsar a mellora das súas infraestruturas e contribuír á creación dun contorno máis axeitado para as empresas instaladas e para aquelas que poidan establecerse no futuro.

Cabe destacar que, no conxunto da área territorial de Pontevedra, nove parques empresariais resultaron beneficiarios desta liña de axudas, cun investimento total por parte da administración autonómica de preto de 590.000 euros. Estas achegas teñen como finalidade favorecer a modernización e mellora das áreas empresariais, reforzando a súa capacidade para atraer novas actividades económicas e xerar emprego.

Durante a visita, Pablo Fernández puxo en valor o compromiso da Xunta coa mellora das infraestruturas empresariais e salientou que "contar con parques empresariais ben acondicionados é fundamental para facilitar a actividade das empresas, atraer novos investimentos e xerar oportunidades de emprego no rural". Neste sentido, destacou a importancia de seguir apoiando aos concellos para que poidan ofrecer espazos competitivos e adaptados ás necesidades do tecido produtivo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/08/2026