A Xunta lembra seguir as recomendacións para previr os lumes forestais causados por vehículos e garantir a seguridade das persoas

No caso de detectar fume, cheiro a queimado ou calquera avaría, convén deter o automóbil sobre o asfalto ou nunha zona de terra limpa, libre de vexetación

Unha vez aparcado o vehículo, cómpre afastar a todas as persoas ata un lugar seguro e chamar ao 112 ou ao 085 para facilitar a localización exacta, algo que tamén se pode facer a través da aplicación informática ALume

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2026.

A Xunta de Galicia lembra que a seguridade das persoas ten que ser a principal prioridade en calquera incidencia e especialmente ante o risco de que a combustión dun vehículo chegue a provocar un incendio forestal.

Compre incidir, neste sentido, en que unha avaría mecánica, un fallo eléctrico ou un accidente poden converterse nun lume forestal en poucos minutos e, de feito, cada verán rexístranse incendios iniciados por vehículos avariados ou accidentados nas marxes das estradas. Na tempada de alto risco as altas temperaturas e outros condicionantes, como o vento ou a baixa humidade, poden favorecer que un destes sinistros acabe por afectar ao monte.

Con tal motivo, o Goberno galego está a difundir unha serie de consellos e recomendacións útiles para este tipo de circunstancias. En primeiro lugar, ao detectar fume, cheiro a queimado ou calquera avaría, convén deter o vehículo sobre o asfalto ou nunha zona de terra limpa, libre de vexetación. O asfalto e o solo mineral crean unha descontinuidade de combustible; sen herba nin mato ao redor, unha ignición non ten por onde propagarse ao monte.

En moitas ocasións, para non estorbar o tráfico procúrase apartar o vehículo o máximo posible cara á marxe da estrada, algo que pode parecer a opción máis segura, pero non o é. O catalizador e o sistema de escape poden superar os 500 °C. En contacto con herba seca ou matogueira, poden prender en cuestión de segundos. Polo tanto, o tempo de reacción é crucial e por iso cómpre insistir nesta recomendación de estacionar, preferentemente, sobre asfalto ou solo mineral.

Unha vez aparcado o vehículo, cómpre afastar a todas as persoas ata un lugar seguro e chamar ao 112 ou ao 085 para facilitar a localización exacta, algo que tamén se pode facer a través da aplicación informática ALume. Ademais, con esta app é posible consultar o nivel de risco de incendio da zona e acceder rapidamente aos teléfonos de emerxencia.

Ligazóns ás recomendacións:

Data de actualización: 14/08/2026