A Xunta instala 23 paneis divulgativos para informar e sensibilizar á cidadanía sobre o risco de inundación en distintos puntos do río Umia, en Caldas de Reis
O obxectivo de Augas de Galicia é advertir dos perigos asociados ás áreas de risco potencial significativo de inundación e dar a coñecer as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio de desbordamento
Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2026
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, instalou recentemente un total de 23 paneis informativos en diferentes puntos identificados polo risco de inundación no río Umia, ao seu paso polo concello de Caldas de Reis.
O obxectivo desta sinalización é concienciar á cidadanía sobre os perigos e implicacións asociadas a episodios de chuvia intensa, así como sobre as medidas preventivas e pautas de actuación recomendadas en caso de que se produzan nas áreas de risco potencial significativo de inundación (Arpsi).
Segundo se recolle no Plan de Xestión de Risco de Inundación (PXRI) da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, esta zona pertence ao grupo IV, que é aquel no que están incluídas as áreas fluviais de maior perigosidade desde o punto de vista da posibilidade de que se produzan desbordamentos.
Precisamente, a colocación destes elementos pretende mellorar a concienciación pública sobre a dinámica natural dos ríos e reforzar a seguridade e as medidas de protección da cidadanía. Trátase dun traballo enmarcado no Plan estratéxico de divulgación das áreas de risco potencial significativo de inundación (Pedarpsi) e que dá continuidade á instalación destes paneis noutras zonas sensibles de Galicia-Costa.
Deste xeito, cómpre lembrar que, ata o momento, Augas de Galicia xa colocou este tipo de indicadores en 37 concellos con áreas de alto risco de inundación dentro do seu territorio: Gondomar, Ames, Brión, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa, Carnota, Vimianzo, Zas, Carballo, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Arteixo, Sada, Fene, Ferrol, Neda, Cedeira, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, A Pobra do Caramiñal, A Coruña, Baiona, Oia, Cambre, Culleredo, Oroso, Santiago de Compostela, Cuntis, Cambados, Ribadumia, Vilanova de Arousa, Vilaboa, Vigo, Cangas, Viveiro e agora Caldas de Reis.
O organismo hidráulico adoita sinalizar e combinar diferentes formatos e tipoloxías de carteis nas zonas, como os xerais, os máis completos xa que inclúen información específica sobre a zona e o protocolo de actuación en caso de desbordamento, ou os infantís, cunha estética e linguaxe adaptadas á idade do público ao que van dirixidos.
Ademais, Augas de Galicia reforza deste xeito o compromiso coa prevención e xestión sostible de eventuais asolagamentos, en estreita colaboración coas administracións locais e autonómicas e cumprindo co PXRI vixente ata 2027, que está sendo sometido xa a revisión en aplicación da directiva comunitaria para a xestión do risco de inundación.
No caso concreto de Caldas de Reis, os traballos para instalar carteis na contorna do río Umia, que supuxeron un investimento de preto de 8.900 euros, enmárcase no contrato do organismo hidráulico autonómico para a prestación do servizo de concienciación e divulgación do risco de inundación e sinalización das áreas que se atopan nesta situación.
Ao abeiro deste contrato e dentro do Pedarpsi cómpre lembrar que tamén se desenvolven diferentes obradoiros en centros de educación infantil e primaria existentes nas proximidades das áreas de risco potencial significativo de inundación para concienciar ás novas xeracións sobre os asolagamentos e a influencia que teñan as accións do ser humano nas contornas fluviais e no funcionamento das canles de auga.