María José Gómez salienta o investimento preto de 290.000 euros para a mellora de infraestruturas rurais no concello de Rois

A conselleira do Medio Rural comprobou hoxe o resultado da actuación levada a cabo para acondicionar a vía entre Seaxe e Francelos, cun investimento de algo máis de 160.000 euros

Destacou tamén os máis de 127.000 euros destinados a este concello a través do Plan Camiña Rural para a mellora de camiños, unhas infraestruturas que cualificou como “estratéxicas” na dinamización social e economía do agro galego

Lembrou que desde o ano 2016 actuouse en case 6.700 camiños, cunha lonxitude total de arredor de 5.200 quilómetros, e un importe de axudas de preto de 156 M€

Rois (A Coruña), 14 de agosto de 2026.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, salientou hoxe, nunha visita ao concello de Rois, o investimento de preto de 290.000 euros para a mellora de infraestruturas rurais nesta localidade. En concreto, e acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, comprobou o resultado das obras executadas no acondicionamento da vía de comunicación entre os núcleos de Seaxe e Francelos

Por un lado, a Consellería investiu nesta actuación algo máis de 160.000 euros que, segundo explicou a conselleira consistiu na mellora dun treito de 1,85 quilómetros con asfaltado, limpeza de cunetas e instalación de nova sinalización, entre outros. A isto súmanse as axudas por valor de máis de 127.000 euros concedidas ao concello de Rois nas últimas convocatorias do Plan Camiña Rural para a mellora de camiños nesta localidade.

A conselleira fixo fincapé na importancia deste tipo de apoios ás entidades locais, que se poden beneficiar destas achegas, xa que contribúen a mellorar unhas vías de comunicación que son “estratéxicas” na dinamización social e económica do agro galego ao vertebrar o territorio.

Plan Camiña Rural

Durante a visita, Gómez destacou a aposta do Goberno galego polo Plan Camiña Rural, que subvenciona a ampliación ou mellora de camiños que forman parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación. De feito, a última convocatoria correspondente ás anualidades 2026-2027, conta cun orzamento de preto de 19 millóns de euros.

Desde o ano 2016 actuouse en case 6.700 camiños, cunha lonxitude total de arredor de 5.200 quilómetros e un importe de axudas de preto de 156 millóns de euros. Neste sentido, a conselleira reafirmou a súa aposta pola colaboración institucional e o apoio aos concellos para mellorar as súas infraestruturas, o que redunda en beneficio da mobilidade da veciñanza e facilita tamén dar saída aos produtos agroalimentarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/08/2026