Galicia conta xa cun novo avión de coordinación e vixilancia a pleno rendemento, con máis autonomía e capacidade de transporte loxístico e de persoal

O director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, Manuel Francisco, visitou a base aérea de Verín-Oímbra onde opera este novo medio desde o pasado 1 de agosto

Esta aeronave súmase aos dous helicópteros de coordinación cos que xa contaba o dispositivo autonómico

Verín (Ourense), 15 de agosto de 2026

A Consellería do Medio Rural vén de incorporar un avión de coordinación e vixilancia propio ao dispositivo de loita contra os incendios forestais. O director xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, Manuel Francisco, visitou a base aérea transfronteiriza de Verín-Oímbra onde opera este novo medio desde o pasado 1 de agosto.

Deste xeito, esta aeronave súmase aos dous helicópteros de coordinación cos que xa contaba o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Xunta. Este tipo de medios, complementarios aos de extinción, proporcionan datos esenciais en tempo real para a toma de decisións tácticas e estratéxicas, permiten unha supervisión continua do operativo, acceso visual a zonas ocultas pola orografía ou polo fume e facilitan a comunicación.

Nese sentido, paralelamente ás tarefas de coordinación e vixilancia, dous técnicos encargaranse da realización de análise e avaliación continua do incendio, dando apoio ao persoal de terra. A incorporación deste medio supón a ampliación a posibilidade de cobertura e franxa de traballo, xa que dispón de ata 4 horas de autonomía.

Así, o Xunta 23 ACO é unha aeronave de alta velocidade, que conta ademais con máis capacidade que os helicópteros de coordinación existentes, o que permite realizar transportes loxísticos e de persoal.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural reforzou este ano o dispositivo con máis medios aéreos. En concreto son catro os novos aparatos integrados na loita contra os incendios entre os que se atopan esta aeronave de coordinación, pero tamén dous avións de carga en terra que xa están operando e un helicóptero pesado, que se incorporará no mes de setembro.

Coa suma desta aeronave, Galicia dispón dun total de 23 medios aéreos dependentes da Consellería. En conxunto, contando os do Goberno central, son máis de 30 os aparatos que traballan na extinción de incendios en Galicia neste 2026.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/08/2026