Medio Rural leva a Ribeira o Mercado de Verán da calidade diferenciada coa participación de 30 operadores galegos
O Malecón acollerá do 21 ao 23 de agosto este mercado, no que estarán representadas diferentes producións amparadas por denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas, Agricultura Ecolóxica e Artesanía Alimentaria
A iniciativa busca achegar a calidade diferenciada directamente aos consumidores e dar visibilidade aos produtores e elaboradores que están detrás dos alimentos galegos
O programa combinará a venda directa de produtos con presentacións, catas, degustacións e música en directo ao longo das tres xornadas
Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2026
A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza do 21 ao 23 de agosto no Malecón de Ribeira o Mercado de Verán, unha iniciativa de promoción dos produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada que reunirá a 30 operadores vinculados aos diferentes selos de calidade diferenciada galegos.
Durante tres xornadas, o público poderá achegarse directamente a produtores e elaboradores e descubrir unha ampla representación da diversidade agroalimentaria de Galicia. O obxectivo é converter o mercado nun escaparate no que, ademais de adquirir os produtos, os visitantes poidan coñecer a súa orixe, as súas características e as persoas que están detrás da súa elaboración.
Deste xeito, o Mercado de Verán pretende reforzar a identificación dos consumidores cos distintivos de calidade diferenciada e cos valores que representan. Estes selos permiten recoñecer produtos cunha orixe e unhas características específicas, sometidos aos correspondentes sistemas de control e estreitamente vinculados ao territorio e ao saber facer dos seus produtores e elaboradores.
A iniciativa busca tamén favorecer unha relación máis directa entre produción e consumo. A presenza dos propios operadores permitirá que sexan eles quen presenten os seus produtos, expliquen como se elaboran e transmitan ao público o valor engadido que existe detrás das producións amparadas polos diferentes distintivos de calidade.
Un mercado para probar, coñecer e compartir
Esta vertente divulgativa estará presente durante toda a fin de semana a través dunha programación que combinará mercado, gastronomía e música. O venres 21 desenvolveranse dúas sesións de Sabores do Mercado – Ponlles cara, con presentacións e degustacións de diferentes produtos, acompañadas pola actuación musical de Leite con Jalletas.
O sábado 22, a programación incluirá De viños polo Mercado, cunha presentación e cata de viños singulares da IXP Terras do Navia e de produción ecolóxica, ademais da proposta After Praia: Doces & Tintos da Ribeira Sacra. A xornada completarase coa animación musical de O Cego na Feira e coa actuación de Music Box. The Band.
O domingo 23, os produtos de calidade diferenciada volverán ser protagonistas con Café de Domingo con..., unha degustación de doces; unha nova sesión de De viños polo Mercado, neste caso con viños da DOP Ribeiro e da DO Rías Baixas; e After Praia: Mesturas de verán, cunha degustación de cócteles elaborados con licores e augardentes tradicionais acompañados doutros petiscos de calidade diferenciada. Pulpiño Viascón e Loren Tevra completarán a programación musical da última xornada.
Con esta proposta, a Consellería do Medio Rural continúa avanzando nun modelo de promoción que busca levar a calidade diferenciada aos espazos nos que se atopan os consumidores, facilitando que os produtos se coñezan, se proben e se identifiquen cos seus selos. Ao mesmo tempo, dáse visibilidade ao traballo dos produtores e elaboradores e ao papel que estas producións desempeñan na xeración de valor no rural, na conservación do saber facer e na construción dunha identidade alimentaria propia.
O Mercado de Verán de Ribeira permanecerá aberto os días 21, 22 e 23 de agosto, en horario de 11.00 a 15.00 horas e de 18.00 a 22.00 horas, no Malecón da localidade.