Activo un incendio forestal no concello ourensán de Riós, parroquia de Fumaces e A Trepa
Decretouse a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade ao núcleo de poboación de Fumaces
Segundo as últimas estimacións, o incendio afecta unha superficie de 8 hectáreas
Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2026
A Consellería do Medio Rural informa dun incendio forestal activo arestora no concello ourensán de Riós, parroquia de Fumaces e A Trepa, no que se vén de decretar a Situación 2 como medida preventiva. Esta situación operativa de emerxencia declárase pola proximidade do lume ao núcleo de poboación de Fumaces.
Este lume iniciouse ás 16.54 horas de hoxe e segunda as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de 8 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, 2 técnicos, 6 axentes, 9 brigadas, 7 motobombas, 2 pas, 2 helicópteros e 7 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.