A Xunta pon de relevo as máis de 18.000 consultas atendidas polo Instituto Galego do Consumo e da Competencia no primeiro semestre do ano
Ademais, entre xaneiro e xuño de 2026, o ente dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración tramitou máis de 9.900 reclamacións, realizou máis de 1.400 arbitraxes e abriu 668 expedientes sancionadores por un importe total de 10,8 M€
Nas consultas e reclamacións destacan as do ámbito das telecomunicacións e, no caso dos expedientes sancionadores, figura en primeiro lugar o sector da automoción, seguido polo da electricidade e a enerxía
A maiores, a Escola Galega de Consumo formou no primeiro semestre preto de 30.000 persoas, mentres o Laboratorio de Consumo de Galicia remitiu case medio cento de alertas sobre produtos inseguros
Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2026
O Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, atendeu entre xaneiro e xuño deste ano un total de 18.157 consultas, o que se traduce nunha media de 100 ao día. Ademais, tramitou 9.906 reclamacións —55 diarias—, realizou 1.444 arbitraxes e abriu 668 expedientes sancionadores por un importe total de 10,8 M€.
En relación coas consultas, figuran en primeiro lugar as relacionadas co ámbito das telecomunicacións, que con 4.091 representan máis do 22,5 % das consultas. En segundo lugar están as relacionadas coa enerxía —3.165—, que supoñen máis dun 17,4 % do total. Ademais, destacan as consultas relacionadas co eido financeiro, con 1.926, e co electrónico, que acadaron as 1.791.
No que respecta ás reclamacións, preto dun 14,8 % do total foron no campo das telecomunicacións, con 1.463, seguidas das relacionadas coa enerxía, que acadaron a cifra de 1.444 e supoñen case un 14,6 %.
Canto aos expedientes sancionadores en materia de consumo nos primeiros seis meses do ano, o sector con maior número foi o da automoción, con 73 expedientes abertos por valor de máis de 4,9 M€, seguido polo da electricidade e a enerxía.
Cómpre destacar tamén o papel da Escola Galega de Consumo, que formou no primeiro semestre preto de 30.000 persoas de todas as idades en resposta ás demandas das persoas consumidoras e á propia evolución do mercado.
Mentres, o Laboratorio de Consumo de Galicia remitiu case medio cento de alertas sobre produtos inseguros. Cabe engadir que se trata do único laboratorio público oficial nesta materia acreditado pola ENAC —entidade que avala a competencia técnica na certificación e inspección— e un referente estatal tanto no control como na comunicación de alertas no eido do consumo.
O IGCC
O Instituto Galego do Consumo e da Competencia leva máis de tres décadas encargándose de informar ás persoas consumidoras e usuarias e de defender os seus dereitos e intereses, caracterizándose pola simplificación administrativa, pola gratuidade e pola eficacia na resolución dos conflitos en materia de consumo.
A cidadanía ten á súa disposición o Instituto a través das súas oficinas de atención presencial nas sete principais cidades galegas, vía web ou no teléfono gratuíto 900 23 11 23, que funciona de 9,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 19,00 horas de luns a venres para ofrecer información e asesoramento en materia de consumo.