A Xunta presenta 'Coa comida, Galicia sen desperdicio', o distintivo co que promoverá o aproveitamento alimentario
A conselleira do Medio Rural fixo entrega simbólica do distintivo ao restaurante O Balado, do chef do Grupo NOVE Roberto Filgueira, pola conmemoración, mañá martes, do Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e o Desperdicio de Alimentos
María José Gómez subliña que aproveitar todos os alimentos ao máximo é tamén unha forma de valorar o esforzo dos produtores e os recursos empregados para producilos, así como de coidar o territorio e contribuír a unha sociedade máis responsable
Trátase dun reto que debe ser compartido por toda a sociedade e por iso en Galicia Medio Rural está a elaborar a Estratexia de prevención, con ese enfoque integrador de toda a cadea alimentaria
Boqueixón (A Coruña) 28 de setembro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presentou hoxe Coa comida, Galicia sen desperdicio, o distintivo co que a Xunta vai fomentar o aproveitamento alimentario. A conselleira fixo entrega simbólica deste recoñecemento ao restaurante O Balado, do cociñeiro do Grupo NOVE Roberto Filgueira, na véspera da celebración, mañá martes, do Día Internacional de Concienciación sobre a Perda e o Desperdicio de Alimentos.
Neste acto, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, Gómez sinalou que aproveitar todos os alimentos ao máximo é tamén unha forma de valorar o esforzo dos produtores e os recursos empregados para producilos, así como de coidar o territorio e contribuír a unha sociedade máis responsable. Deste xeito, a conselleira fixo seus os principais contidos da Declaración institucional da Xunta con motivo do devandito Día internacional, que foi aprobada hoxe mesmo polo Consello do Goberno galego.
Nesta liña, Gómez incidiu no compromiso da Xunta coa prevención das perdas alimentarias e coa redución do desperdicio en todas as etapas da cadea, desde a produción ata o consumo. Trátase, dixo, dun reto que debe ser compartido por toda a sociedade e por iso en Galicia Medio Rural está a elaborar a Estratexia de prevención, con ese enfoque integrador de toda a cadea alimentaria. Así, a estratexia dará prioridade á prevención, promoverá a colaboración para aproveitar os excedentes aptos para o consumo e impulsará a formación, a sensibilización e a innovación.
A través desta declaración institucional, o Goberno galego tamén quere recoñecer e agradecer o esforzo de todas as persoas, entidades e organizacións que contribúen cada día a previr as perdas na produción e a reducir o desperdicio alimentario na nosa comunidade. E engádese que os avances acadados impulsan á Xunta a seguir traballando con determinación, fortalecendo as boas prácticas para o aproveitamento dos alimentos en todas as etapas da cadea alimentaria, promovendo a colaboración coas redes solidarias e favorecendo as condicións de seguridade xurídica e alimentaria necesarias para o seu aproveitamento.
Afírmase tamén o compromiso de seguir impulsando a formación nas empresas, entidades e administracións para mellorar a xestión dos alimentos e evitar perdas, así como apoiando a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento. Deste xeito, sinálase que se avanza cara a unha sociedade máis saudable, mellor alimentada e socialmente responsable.
Para facerse unha idea da dimensión deste reto, cómpre lembrar que, segundo un estudio publicado pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) en 2011, arredor dun terzo dos alimentos producidos para o consumo humano perdíase ou desperdiciábase no mundo, o equivalente a uns 1.300 millóns de toneladas ao ano.
Valor do rural no aproveitamento alimentario
Neste acto, o chef Roberto Filgueira puxo o foco no produto de tempada, como son agora mesmo as mazás ou as castañas. En relación coas primeiras, salientou que todas teñen aproveitamento, mesmo as que non son tan “perfectas” a ollos dos consumidores. Ademais, sinalou que tanto as froitas como as hortalizas -caso do tomate- poden conxelarse e utilizarse logo para a elaboración de marmeladas. Sobre as castañas, salientou o valor da súa proximidade, a súa calidade e os prezos asequibles que poden convertelas nun ingrediente que forme parte da nosa cociña para o aproveitamento da gran cantidade de produción. Neste sentido, apelou ademais á “solidariedade e a empatía” que implica este compromiso coa prevención do desperdicio.
Filgueira valorou, ademais, que o rural favorece o aproveitamento do 100 % do produto, e puxo como exemplo o uso das mondas das patacas e outros restos orgánicos das distintas froitas e hortalizas para alimentar o gando.