A Xunta destina máis de 700.000€ a sete programas de educación transformadora e de innovación e comunicación social promovidos por ONGD

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución desta nova liña de axudas, coa que se pretende potenciar o impacto das accións desenvolvidas por estas entidades no exterior mediante accións complementarias no territorio galego e cun horizonte temporal amplo

O Goberno galego financia ata o 95% do orzamento das actuacións previstas entre 2026 e 2028 

Santiago de Compostela, 17 de agosto de 2026

A Xunta impulsa sete programas de educación transformadora e de innovación e comunicación social promovidos por Organizacións Non Gobernamentais de Desenvolvemento (ONGDs) con achegas que suman máis de 700.000 euros. Así o recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia na resolución da nova liña de axudas activada este ano para a execución destas iniciativas. O obxectivo é potenciar o impacto das accións desenvolvidas polas entidades beneficiarias no exterior mediante accións complementarias no territorio galego e cun horizonte temporal máis amplo.

A iniciativa inclúe dúas liñas de acción. Unha delas abrangue os programas de innovación e comunicación social, destinados a darlle visibilidade ás políticas e intervencións de cooperación e acción humanitaria desenvolvidas con anterioridade ou previstas. Deben usar metodoloxías innovadoras e de comunicación social e conectar realidades xerando redes de apoio mutuo, fortalecendo as alianzas entre o norte e o sur global.

Neste marco de acción a Xunta apoia as propostas presentadas por Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP), Solidariedade Internacional de Galicia, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Fundación Taller de Solidariedade. Todos elas teñen unha dotación de 110.000 euros, o máximo previsto na convocatoria para esta liña.

A outra liña céntrase en programas de educación transformadora, que axuden á creación e consolidación dunha cidadanía obxectiva, crítica e comprometida cos valores e políticas de desenvolvemento a través da sensibilización, a formación e a mobilización. As propostas deben incorporar a visión Sur, ser relevantes para a cooperación para o desenvolvemento e que o seu contido estea directamente vinculado con esa área. 

Neste caso son tres os programas que contarán co apoio da Xunta, impulsados por Mans Unidas-Comité Católico Campaña Contra a Fame agrupada coa Universidade de Santiago de Compostela, Fundación Vicente Ferrer e Fundación Educación e Cooperación. Todas estas propostas reciben 90.000 euros, tamén o máximo previsto na convocatoria. 

Os programas terán unha duración mínima de 25 meses e máxima de 36 meses e poden financiar actuacións desde o 1 de xaneiro de 2026 ao 31 de decembro de 2028. O Goberno galego financia ata o 95% do orzamento das actuacións desenvolvidas.

Plan da Cooperación Galega

A iniciativa enmárcase no cumprimento do vixente V Plan director da Cooperación Galega 2023-2026, que establece a promoción de programas no exterior e de educación para a cidadanía global destinados a mellorar o alcance das actuacións financiadas e a aumentar a duración e a  media de financiamento das intervencións. Neste marco de acción, cómpre lembrar que o Plan anual 2026 da cooperación galega para o desenvolvemento conta neste exercicio cunha dotación de 10,3 millóns de euros, un 5% máis que o ano pasado.

Data de actualización: 17/08/2026